sábado. 04.05.2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu este luns na Casa das Campás á inauguración da Semana da Creatividade impulsada pola Vicerreitoría da Universidade de Vigo en Pontevedra, que ten lugar entre hoxe e o venres en diferentes centros do campus da cidade. O vicepresidente lembrou que a Deputación axuda á organización destas xornadas no marco do convenio subscrito entre ambas as dúas entidades, e sinalou que a Semana da Creatividade “atraerá á Boa Vila a persoas expertas e interesadas en temáticas moi variadas e interesantes”, na liña do que é a universidade, “o xermolo da innovación”.

Domínguez, que convidou a cidadanía a participar nas numerosas actividades incluídas no programa, afirmou que a universidade “debe estar á corrente das últimas tendencias e ser un espazo que acolla tanto os novos talentos como toda a reflexión arredor das inquedanzas dos mozos e dos sectores profesionais”. Por iso, asegurou, “a Semana da Creatividade será unha xuntanza entre o talento presente e o talento futuro; un espazo onde poder poñer en común, obter unha radiografía da realidade e tamén sementar o seu futuro”.

Semana da Creatividade
Comentarios