martes. 03.12.2024
VI Congreso de Medios e Igualdade de Xénero, celebrado en Santiago de Compostela

Máis aló das palabras: a comunicación como ferramenta para erradicar a violencia machista

Nun mundo inundado de información, os medios teñen un poder inmenso para moldear a nosa realidade. Porén, están a utilizar este poder para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria? O VI Congreso de Medios e Igualdade de Xénero, celebrado en Santiago de Compostela, puxo sobre a mesa a urxente necesidade de transformar a forma en que se comunica a violencia machista. Os expertos coincidiron en que os medios non só reflicten a realidade, senón que a constrúen, e que o seu papel na erradicación da violencia de xénero é fundamental.
Coral Herrera Gómez, doutora en Humanidades e Comunicación Audiovisual, escritora, docente e investigadora sobre emocións e relacións amorosas.
Coral Herrera Gómez, doutora en Humanidades e Comunicación Audiovisual, escritora, docente e investigadora sobre emocións e relacións amorosas.

A doutora en Humanidades e Comunicación Audiovisual, escritora, docente e investigadora sobre emocións e relacións amorosas Coral Herrera Gómez, conferenciante no VI Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero -que tivo lugar no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela- afirmou nese foro que “os medios de comunicación e as industrias culturais deben asumir a enorme responsabilidade que teñen na construción da realidade, e no poder que teñen para erradicar a desigualdade e a violencia machista”.

Con todo, Herrera tamén cre que “podemos transformar as nosas formas de comunicarnos, de transmitir información e coñecemento, e de ofrecer entretemento”. E esa transformación, mediante a que, segundo ela, “é posible cambiar o mundo”, debe producirse “desde a ética do amor e a filosofía dos coidados”. A conferenciante falou de mitos, de estereotipos e de como mellorar a nosa sociedade a través da comunicación: “Trátase de tomar conciencia sobre como transmitimos e perpetuamos o machismo, e de como mudar os valores e principios do patriarcado para comunicar desde os valores da igualdade e os dereitos humanos”.

A directora xeral de Promoción da Igualdade recoñeceu que, “nunha época moi complicada a nivel informativo (fake news, embustes, milleiros de contidos que circulan polas redes e por internet en xeral), o reto que temos por diante non é nada sinxelo”.

Na inauguración do Congreso, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, participaron a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana Pérez, a decana desa Facultade, Ana Isabel Rodríguez, e a presidenta da APG, María Méndez.

A directora xeral de Promoción da Igualdade recoñeceu que, “nunha época moi complicada a nivel informativo (fake news, embustes, milleiros de contidos que circulan polas redes e por internet en xeral), o reto que temos por diante non é nada sinxelo”. “Espazos coma este Congreso”, afirmou, “sérvennos para pensar, para reflexionar e para intentar sacar conclusións de como o xornalismo é importante que alce a voz con información veraz, responsable e feminista”.

Quintiana insistiu no de “feminista”, porque “o feminismo o que busca é que teñamos sociedades máis democráticas, máis solidarias e máis xustas e igualitarias”. E nese sentido, segundo ela, o xornalismo, o xornalismo responsable, pode e debe ter un papel determinante”. “Creo que é importante que paremos e repensemos o papel dos medios como lugar de información, pero tamén, de sensibilización e concienciación sobre igualdade de xénero e, polo tanto, sobre a violencia machista”, engadiu.

A decana da Facultade de Comunicación da USC subliñou que “como profesionais da comunicación temos unha responsabilidade engadida coa forma en que narramos estas traxedias e as analizamos nos medios, o que ten un impacto directo en como a sociedade as percibe, as comprende e, sobre todo, en como responde a elas”. 

“É importante incorporar a perspectiva de xénero en cada titular, en cada texto, en cada guión de tele ou radio, en cada plano de vídeo, en cada foto..., os medios e toda a comunidade de xornalistas e comunicadores tedes un poder brutal para deixar unha pegada positiva cando falamos de igualdade de xénero e cando falamos de violencia machista”.

Na súa intervención, a decana da Facultade de Comunicación da USC subliñou que “como profesionais da comunicación temos unha responsabilidade engadida coa forma en que narramos estas traxedias e as analizamos nos medios, o que ten un impacto directo en como a sociedade as percibe, as comprende e, sobre todo, en como responde a elas”. Segundo ela, “os medios non só son un espello da realidade; tamén a moldean e poden ser ferramentas poderosas para erradicar prexuízos, xerar conciencia e promover o cambio social, loitando contra a perpetuación dos estereotipos ou o acubillo do silencio cómplice”. 

Rodríguez repasou os cambios producidos no xornalismo ao longo do século XX por mor dos movementos feministas, que esixiron “un tratamento máis crítico da violencia contra as mulleres, visibilizándoa como un problema estrutural, e non como incidentes illados”.

E destacou que “a comunicación sobre violencia de xénero non é só unha cuestión de rigor xornalístico, senón tamén de responsabilidade ética, porque cada mensaxe conta, e ten o poder de educar ou de desinformar, de sensibilizar ou de banalizar”. “Por iso”, engadiu, “desde as aulas desta Facultade, sentimos a gran responsabilidade de formar unha nova xeración de comunicadoras e comunicadores que non só sexan competentes tecnicamente, senón tamén comprometidos eticamente, e por iso nos comprometemos a seguir colaborando con iniciativas como este Congreso, que non só visibilizan problemas, senón que tamén ofrecen ferramentas para afrontalos”.

Méndez lembrou que falamos dunha “lacra social, con maiúsculas e sen ambaxes, e, por iso, a violencia machista ten que ser comunicada con rigor, non ser xustificada, e debe ser denunciada”. 

Pola súa banda, a presidenta da APG, María Méndez -que agradeceu o compromiso da Consellería e da Facultade de Comunicación da USC para o desenvolvemento deste Congreso-, sinalou que o leitmotiv desta cita “é saber se os asasinatos de mulleres a mans de homes están tratados de forma correcta e proporcionada á súa gravidade nos medios de comunicación, nun ano no que, lonxe de diminuír o número de vítimas, a súa cifra parece manterse no tempo, con máis de corenta mulleres mortas no que vai de ano”.

Méndez lembrou que falamos dunha “lacra social, con maiúsculas e sen ambaxes, e, por iso, a violencia machista ten que ser comunicada con rigor, non ser xustificada, e debe ser denunciada”. “Nun mundo onde a información flúe constantemente grazas aos avances tecnolóxicos”, engadiu, “os medios de comunicación desempeñan un papel crucial na loita contra as agresións físicas e psicolóxicas ás mulleres, e a forma de cubrir este dramático acontecer pode influír significativamente na percepción pública e, xa que logo, na resposta social a este problema”. “A intervención nas aulas tamén resulta decisiva á hora de imprimir ética e sensibilidade cara a esta materia os futuros profesionais”, concluíu en referencia á institución na que tivo lugar o foro.

 Iván Pino: “Aínda o 20% das noticias publicadas xustifican as agresións, e unha de cada seis vulnera a intimidade das vítimas expoñendo datos persoais que estas preferirían evitar, de tal xeito que sabemos moito delas e pouco do agresor; hai un 75% máis de mencións aos atributos das vítimas”.

Na súa conferencia, Iván Pino, socio e director senior de Reputación Corporativa, Liderado e Sostibilidade de Llorente y Cuenca, coautor do informe desa consultora, “Desenfocadas: cómo opinar e informar mejor sobre la violencia de género”, lembrou parte das súas conclusións: “os medios de comunicación conciencian, sensibilizan e preveñen sobre violencia de xénero o dobre que as redes sociais, que son máis sensacionalistas”. Con todo, e de acordo con ese estudo -afirmou-, “aínda o 20% das noticias publicadas xustifican as agresións, e unha de cada seis vulnera a intimidade das vítimas expoñendo datos persoais que estas preferirían evitar, de tal xeito que sabemos moito delas e pouco do agresor; hai un 75% máis de mencións aos atributos das vítimas”. “O negacionismo retroaliméntase”, concluíu, “de tal xeito que unha insinuación en medios multiplícase por catro na conversa social”.

Para a realización do informe Desenfocadas, elaborado no marco do 8M, o Día Internacional da Muller, o equipo de Deep Learning de Llorente y Cuenca analizou durante un ano 226,2 millóns de artigos de noticias xerais, 5,4 millóns de noticias sobre violencia de xénero e 14 millóns de mensaxes na rede social X relacionados coa violencia de xénero, nos 12 países nos que esa consultora está presente (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, España, Estados Unidos, México, Panamá, Perú, Portugal e República Dominicana). Na investigación empregáronse Large Language Models (LLMs- GPT4) para identificar e illar descritores dirixidos a vítima e agresor, en noticias públicas obtidas mediante modelos de scrapers, así como técnicas de Procesamento da Linguaxe Natural (NLP) en catro idiomas, para analizar o cumprimento de 21 regras de boas prácticas, derivadas das guías United Nations Development Programme (UNDP) e Mediterranean Network of Regulatory Authorities (MNRA).

Raquel Tejero asegurou que “encher titulares en canto á violencia de xénero é quitar o foco do que creo que é realmente o importante: os sistemas de protección non están a funcionar”.

No Congreso tamén participaron como relatores as xornalistas Raquel Tejero, delegada en Galicia do xornal “El Debate”, e Alba Chao, responsable da edición dixital de “Faro de Vigo”; e as creadoras de contido nas redes sociais Sindy Takanashi, autora do pódcast Queridas hermanas, e María Rubio (Miare), youtuber.

Raquel Tejero asegurou que “encher titulares en canto á violencia de xénero é quitar o foco do que creo que é realmente o importante: os sistemas de protección non están a funcionar”. “Existen dous Ministerios especialmente importantes nese sentido, o de Igualdade e o de Interior”, seguiu, “pero as mulleres seguen a ser asasinadas e a protección das mulleres que están dentro do sistema Viogen non está sendo eficaz… e o exemplo témolo coa muller asasinada hai apenas un par de semanas en Baiona”.

“Polo tanto”, rematou, “quero recalcar que os medios de comunicación, como cuarto poder que somos, debemos exercer presión para facer que os sistemas melloren, para evitar que se desperdicien fondos públicos en asuntos a priori feministas que, volvo pedir perdón por ser tan franca, non están funcionando en absoluto”.

 Alba Chao: “Mesmo disfrazados cun halo de modernidade, non fan máis que maquillar e mesmo romantizar as agresións ás mulleres”.

Pola súa banda, Alba Chao puxo o foco na importancia da palabra á hora de comunicar sobre a violencia de xénero, “tanto nas palabras que empregamos, como a quen lle damos a palabra e a quen lle damos voz”. Para ela, estamos a normalizar termos que, “mesmo disfrazados cun halo de modernidade, non fan máis que maquillar e mesmo romantizar as agresións ás mulleres”. Nese sentido referiuse, por exemplo, “ás cousas máis evidentes, e cada vez menos frecuentes, como crime pasional, a muller foi atopada morta ou altercado doméstico, pero tamén a outras expresións que pasan máis inadvertidas, como parella tóxica, cando queremos dicir que é unha persoa violenta e agresiva”.

Segundo Chao, “o mesmo acontece coa perpetuación do mito do monstro”. “Se trasladamos a mensaxe de que só eses monstros agriden e asasinan, estamos a envolver a violencia machista nunha aura de excepcionalidade e non a amosamos como o que en realidade é, un problema estrutural e transversal da sociedade”, afirmou. “Urxe, polo tanto”, concluíu, “chamar ás cousas polo seu nome: agresor machista, violencia sexual, acoso sexista…, e cómpre facer unha reflexión sobre os testemuños que se recollen, a súa verdadeira pertinencia, así como as mensaxes que con eles se trasladan”.

No panel de creadoras de contidos nas redes, María Rubio (Miare) deu conta do caso de acoso do que foi vítima nas redes sociais por parte da súa ex parella, un famoso you tuber, e cales foron as consecuencias psicolóxicas –“ocorreu cando tiña 18 anos, teño 27 e sigo indo ao psicólogo”- e profesionais que lle produciu: “arrebatarnos a nós independencia económica é unha das peores formas de acoso contra as mulleres…, as marcas non se queren relacionar con creadores de contidos que fosen protagonistas dunha polémica”.

“A día de hoxe sinto, aínda que sexa feo dicilo, que ogallá non o denunciase, xa que me sentín absolutamente desprotexida, sobre todo ao principio do proceso”, engadiu Miare. “Creo que é necesaria unha maior intervención do sistema para asegurar que se cumpren as leis e as normas propias das redes sociais, que xa existen; non hai que crear leis novas”.

 Sindy Takanashi: “É incrible”, dixo, “que a Xustiza non tome medidas contra as comunidades misóxinas de homes que teñen xurdido nas redes sociais desde varios países como Estados Unidos ou Canadá"

E Sindy Takanashi afirmou que “fronte ao feminismo, que provén da Ilustración e é absolutamente lóxico, o que sustenta o patriarcado é puramente pasional e vai directamente á parte emocional, aínda que os seus argumentos son absurdos”. “É incrible”, dixo, “que a Xustiza non tome medidas contra as comunidades misóxinas de homes que teñen xurdido nas redes sociais desde varios países como Estados Unidos ou Canadá, porque están atraendo novos seguidores a través doutros contidos, como por exemplo, os políticos”.

Tanto Miare como Takanashi denunciaron tres problemas que existen na actualidade: “o descoñecemento tecnolóxico dos que nos deben protexer -como por exemplo, os xuíces-, a misoxinia do sistema xudicial español, e a inacción dos que, teoricamente, son os nosos aliados, os nosos pais, os nosos compañeiros…, que non queren saír a denunciar esas violencias nas redes sociais”.

O Congreso rematou cun relatorio do director xeral da Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba, que explicou as accións que está a desenvolver a Administración galega para tentar paliar a lacra da violencia contra as mulleres, e foi clausurado por Sonia Esperanza Rodríguez, delegada do reitor da Universidade de Santiago de Compostela para a Igualdade, á que acompañou a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez.

 

Máis aló das palabras: a comunicación como ferramenta para erradicar a violencia machista
Comentarios