sábado. 20.04.2024

Ponteareas quece motores para o Corpus. O Concello desenvolveu ao longo desta semana varios obradoiros de arte floral no CEIP Fermín Bouza Brey, no CPR Plurilingüe Santiago Apóstol, no CEIP Plurilingüe Nosa Señora dos Remedios e no CEIP Ramiro Sabell impartidos por persoal municipal alfombrista con experiencia en deseño e confección e que contou coa colaboración do portal alfombrista ANPA Ramiro Sabell. A través destes talleres, os rapaces e rapazas puideron coñecer a historia e a evolución das alfombras, os materiais empregados e como é todo o proceso de elaboración e experimentaron de primeira man este traballo coa creación dunha pequena alfombra na Praza Maior con motivo do Día das Letras Galegas.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, visitou a alfombra feita polo alumnado e gabou o bo traballo realizado, que demostra que con estas actividades “estamos a garantir que este prezado legado perviva na mocidade, que é o futuro de Ponteareas”.

Con esta iniciativa, que comezou no ano 2016, o Concello busca transmitir ao alumnado os coñecementos sobre os materiais naturais que deben empregarse, métodos e modos de conservación, deseño, confección da plantilla e os pasos ordenados que deben darse para a confección, e que os rapaces e rapazas seguiron para a creación da súa propia alfombra.

“É un orgullo ver como se transmite o sentir dos e das nosas alfombristas á infancia e á mocidade, porque eles son a futura xeración que fará perdurar unha tradición con máis de 160 anos de historia na nosa vila, unha tradición que cada ano acollemos con ilusión e que só unha pandemia mundial foi capaz de interromper”, recorda a rexedora.

Transmitir la tradición a las nuevas generaciones
Comentarios