jueves. 25.04.2024

Chega á biblioteca municipal de Ponteareas unha nova actividade para fomentar a lectura entre os máis pequenos e pequenas dun xeito divertido, lúdico e atractivo. Ao abeiro do programa ‘Ler Conta Moito’ da Xunta de Galicia, o vindeiro mércores 20 de xullo ás 11.30 horas Tarabelos Títeres e Contacontos entreterá a nenos e nenas co seu espectáculo ‘Debulendo lendas galegas’.

‘Tarabelizando’ a técnica centenaria do kamishibai xaponés, Tarabelos subirá ao escenario cun contacontos  debuxado ao 100% onde as ilustracións poderán verse, tocarse, manipularse, vestirse... e, por suposto, ler. Porque cando se debuxa o que se le, ‘debulese’, e neste contacontos público e compañía debuxarán e descubrirán xuntos o valor das lendas.

Con este singular espectáculo, Tarabelos achegará aos nenos a partir dos cinco anos lendas que ensinan o valor da cultura galega, de loitar pola vida, da axuda dada e recibida, de coñecer antes de deixar levarse polas impresións, o valor e a coraxe daquelas persoas que buscan máis alá, onde a maioría di que non hai nada. En definitiva, o valor que pode lerse e debuxarse, valor que se pode ‘debuler’.

Como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, coas actividades do programa ‘Ler Conta Moito’ “búscase promover entre o público dende ben novos e novas non só a lectura, senón tamén a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e a expresión artística”.

As persoas interesadas poden inscribir xa a nenos e nenas a través do correo electrónico ou chamando ao teléfono 986 660 765.

Tarabelos achegará aos nenos a partir dos cinco anos lendas que ensinan o valor da...
Comentarios