O programa 'Xuventude Mentoring na Empresa' en Ponteareas demostra ser un éxito rotundo, xa que un 50% das mozas e mozos que participaron na primeira edición foron contratados para seguir traballando nas empresas onde realizaron as súas prácticas. Este dato esperanzador serviu de ánimo para os 12 novos participantes que hoxe comezaron a segunda edición deste programa.
Por segundo ano consecutivo, Ponteareas convértese no único concello galego en participar nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, deu a benvida ao programa, felicitando ao Concello polo "impecable proxecto presentado, digno dun sobresaínte e que acadou novamente a confianza da Consellería avalado ademais por datos moi favorables como o 50% de inserción laboral do anterior programa”.
Colaboración clave para o emprego xuvenil
Tanto a directora xeral como o segundo tenente de alcaldesa, Jesús Cao, e o concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, quixeron agradecer a colaboración das nove empresas participantes, considerándoas "eixos fundamentais para desenvolver este proxecto que dá unha oportunidade á xuventude e promove salvar a barreira do primeiro emprego”.
A concelleira de Emprendemento, Silvia Fdez. Táboas, informou de que o programa ofrecerá contacto laboral en sectores estratéxicos como as enerxías renovables, téxtil, automoción, naval, tecnoloxías da información e comunicación, e madeira/forestal.
A alcaldesa, Nava Castro, subliñou a importancia do traballo en equipo e de tecer redes coa cidadanía, o comercio, a industria e outras administracións para acadar o ben común do emprego. "Non vivimos illados e todas e todos dependemos dos demais, hai que escoitar, deixarse asesorar, estar en continua aprendizaxe e ter iniciativa para acadar beneficios”, destacou. Entre os obxectivos do Concello está provocar conexións entre a oferta e a demanda para que a mocidade poida atopar traballo na súa contorna, apostando por plataformas de lanzamento e aprendizaxe como talleres, a UNED, o centro de dixitalización ou o espazo de coworking do CEDEP.
Xuventude Mentoring na Empresa: Reforzando a empregabilidade
O programa 'Xuventude Mentoring na Empresa' ofrece estadías formativas para mozas e mozos en empresas ou entidades públicas e privadas, vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia.
A súa finalidade é reforzar a empregabilidade, as habilidades e as competencias profesionais das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que non están ocupadas nin integradas en sistemas de educación ou formación. Contribúese así á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo.
Entre os seus obxectivos principais atópase potenciar os programas de educación non formal para que as persoas mozas adquiran os coñecementos e habilidades máis demandados no contexto laboral actual, achegar a mocidade á realidade empresarial, mellorar a súa autonomía persoal e crear un ecosistema favorable á creación de oportunidades de emprego xuvenil. Ademais, busca favorecer a captación e retención de talento en sectores económicos clave para a economía galega.
