O Porriño impulsa o autoemprego e a mobilidade laboral nunha xornada do Programa Integrado de Emprego 2025/26

Infografía DL-G.
O Concello celebrou hoxe “Mobilidade Laboral e Emprendemento Activo”, unha sesión con asesoramento e orientación práctica para persoas desempregadas, centrada nas oportunidades de autoemprego e no traballo fóra de España, incluído o ámbito transfronteirizo con Portugal.

O Concello do Porriño celebrou hoxe a xornada “Mobilidade Laboral e Emprendemento Activo”, unha iniciativa enmarcada no Programa Integrado de Emprego (PIE) 2025/26, que reuniu a persoas participantes co obxectivo de ampliar coñecementos sobre autoemprego e explorar novas oportunidades laborais, tanto a nivel estatal como internacional.

A sesión desenvolveuse entre as 10.00 e as 13.00 horas cun programa que combinou información práctica, asesoramento especializado e orientación laboral. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación, Mª Teresa Veloso Castaño, deron a benvida aos asistentes. Na súa intervención, o rexedor destacou a aposta municipal polas políticas activas de emprego e a importancia de dotar de ferramentas útiles ás persoas en situación de desemprego: “O emprego é unha prioridade absoluta para este goberno local. A través do Programa Integrado de Emprego estamos a ofrecer acompañamento, formación e oportunidades reais ás persoas desempregadas do Porriño”.

A continuación, Xurxo Rodríguez Olveira, do Polo de Emprendemento do Concello do Porriño, impartiu a ponencia “O Emprendemento Activo. Retos e Oportunidades”, na que se abordaron cuestións como o perfil emprendedor e as competencias necesarias para iniciar un proxecto, as axudas económicas dispoñibles, os recursos públicos de asesoramento, as deducións fiscais para o fomento do autoemprego e os principais nichos de oportunidade na contorna.

Tras unha pausa, a xornada continuou coa intervención de Elisa González Pérez, conselleira EURES e EURES Transfronteirizo da provincia de Pontevedra, que centrou a súa exposición na mobilidade laboral e no traballo transfronteirizo. Durante a sesión explicou as competencias imprescindibles para traballar fóra de España, as obrigas do emprego transfronteirizo, as condicións laborais no norte de Portugal, as axudas á mobilidade —especialmente nos primeiros momentos— e as oportunidades de prácticas profesionais noutros países.

Programa Integrado de Emprego 2025/26

A xornada forma parte do PIE 2025/26, que conta cun investimento total de 275.000 euros, financiado nun 80% pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e nun 20% polo Concello do Porriño. O programa desenvolverase durante 12 meses, de outubro de 2025 a outubro de 2026, e permitirá formar a 100 persoas desempregadas do municipio.

O obxectivo de inserción laboral fixado pola Xunta sitúase nun mínimo do 42%, unha porcentaxe que, segundo o Concello, nas edicións anteriores non só se acadou senón que foi superada. O PIE inclúe orientación individualizada, formación adaptada ás ocupacións máis demandadas, coaching e intelixencia emocional, obradoiros de habilidades sociolaborais, preparación de entrevistas, fomento do emprendemento, prospección empresarial, intermediación laboral e prácticas non laborais.

Con iniciativas deste tipo, o Concello do Porriño reforza o seu compromiso coa empregabilidade, apostando por unha atención integral e personalizada que facilite a inserción laboral e contribúa ao desenvolvemento económico e social do municipio.