O Porriño encheu as rúas de motos e espírito de Nadal no Roteiro Moteiro coa Vulcan Riders Association Galicia
O Porriño viviu este domingo unha mañá de Nadal marcada polo motor, o ambiente festivo e a convivencia coa celebración do Roteiro Moteiro, unha actividade incluída na programación navideña do Concello e que contou coa participación da Vulcan Riders Association Galicia.
A cita arrancou arredor das 11.00 horas, cun percorrido de motos polas rúas da vila que converteu o centro do municipio nun escenario de sons de escape, luces e decoracións navideñas. Foi, ademais, unha das últimas concentracións sobre dúas rodas do ano e serviu como antesala perfecta para a Carreira de Nadal do Concello do Porriño, que comezou unha hora máis tarde, completando unha mañá con forte compoñente deportivo, social e lúdico.
A actividade tivo un marcado carácter familiar e participativo, con moteiros e moteiras disfrazados de Papá Noel e con motivos propios destas datas, e coa maioría das motos adornadas para engadir cor e ilusión ao percorrido urbano. O roteiro rematou cun momento de convivencia entre os participantes, que compartiron un chocolate quente, poñendo o broche final á iniciativa.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este tipo de iniciativas reflicten o espírito participativo e acolledor do Porriño, convertendo as nosas rúas en espazos de encontro durante o Nadal, combinando deporte, lecer e convivencia”. Ademais, subliñou que “eventos como o Roteiro Moteiro e a Carreira de Nadal contribúen a dinamizar a vila e a reforzar o sentimento de comunidade”.
Desde o Concello puxeron en valor o impacto destas propostas, que fomentan a colaboración con colectivos e axudan á dinamización social e comercial da vila durante as festas.