lunes. 22.12.2025

O Porriño despedirá o ano 2025 de forma anticipada cunha gran festa o 30 de decembro

O Porriño despedirá o ano 2025 de forma anticipada o vindeiro 30 de decembro cunha gran xornada festiva aberta a toda a veciñanza, con actividades para todos os públicos que incluirán animación infantil, música tradicional, badaladas, repartición de uvas e grandes actuacións musicais no centro da vila.
Presentación do programa do Pre-fin de Ano do Porriño 2025–2026, cunha ampla representación municipal e dos axentes implicados nunha xornada festiva que converterá a vila nun punto de encontro para celebrar, de maneira anticipada, a chegada do novo ano.
Presentación do programa do Pre-fin de Ano do Porriño 2025–2026, cunha ampla representación municipal e dos axentes implicados nunha xornada festiva que converterá a vila nun punto de encontro para celebrar, de maneira anticipada, a chegada do novo ano.

O Porriño despedirá o ano 2025 de maneira anticipada cunha gran xornada festiva dirixida a toda a veciñanza, que se celebrará o vindeiro 30 de decembro. Trátase dunha cita xa consolidada no calendario cultural e de lecer do municipio, organizada polo Concello do Porriño e concibida para públicos de todas as idades.

A programación dará comezo pola mañá, ás 11.00 horas, cunha festa infantil na carpa instalada no Parque do Cristo, onde a cativada será a gran protagonista. Os nenos e nenas poderán celebrar o seu propio Pre-fin de Ano da man do grupo de música infantil Mamá Cabra, con xogos, animación e un pasarrúas protagonizado por personaxes infantís, creando un ambiente festivo e familiar desde primeiras horas do día.

Xa pola tarde, a partir das 19.00 horas, terá lugar o tradicional pasarrúas das rondallas, no que participarán a Rondalla de Santa María do Porriño, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios e a Rondalla Cultural Musical de Pontellas, que percorrerán as rúas do centro da vila enchendo O Porriño de música tradicional e espírito festivo.

A celebración central arrancará ás 21.30 horas cunha gran festa de Pre-fin de Ano, que incluirá actuacións musicais, repartición de uvas, cotillón e chocolate quente de balde para todas as persoas asistentes.

A noite culminará coas doce badaladas a medianoite, seguidas dunha sesión DJ a cargo de Dumore e Groove Amigos e da actuación da recoñecida Orquestra París de Noia, completando unha proposta musical pensada para todos os gustos. O escenario principal da xornada festiva situarase na rúa Domingo Bueno.

Desde o Concello do Porriño convidan tanto á veciñanza como ás persoas que se acheguen desde fóra a participar nesta celebración colectiva. “É unha cita que xa se converteu nunha tradición no Porriño, coa que festexamos de maneira anticipada o remate do ano 2025 e damos a benvida ao novo ano”, sinala o alcalde, Alejandro Lorenzo, quen asegura ademais que este evento continuará formando parte do calendario festivo e cultural do municipio.

O Porriño despedirá o ano 2025 de forma anticipada cunha gran festa o 30 de decembro
Comentarios