O Concello do Porriño acollerá este domingo 28 de decembro unha nova cita dentro da programación de Nadal coa celebración do Roteiro Moteiro, unha actividade que contará coa participación da Vulcan Riders Association Galicia e que encherá as rúas da vila de motor, ambiente festivo e espírito destas datas.
A xornada arrancará ás 11.00 horas, cun percorrido urbano de motos polas rúas do Porriño, converténdose nunha das últimas concentracións sobre dúas rodas do ano. O evento celebrarase, ademais, unha hora antes do inicio da Carreira de Nadal do Concello do Porriño, completando así unha mañá chea de actividade deportiva, social e lúdica no centro da vila.
Motos decoradas e moteiros caracterizados de Papá Noel
O Roteiro Moteiro contará coa participación de moteiros e moteiras que, nun ambiente lúdico e familiar, se caracterizarán como Papá Noel e con outros motivos propios do Nadal, decorando tamén as súas motos para achegar aínda máis cor e ilusión ao percorrido pola vila.
Ao remate da ruta, as persoas participantes compartirán un momento de convivencia arredor dun chocolate quente, poñendo o broche final a esta cita festiva.
“Espazo de encontro durante o Nadal”
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este tipo de iniciativas reflicten o espírito participativo e acolledor do Porriño, convertendo as nosas rúas en espazos de encontro durante o Nadal, combinando deporte, lecer e convivencia”.
Así mesmo, subliñou que “eventos como o Roteiro Moteiro e a Carreira de Nadal contribúen a dinamizar a vila e a reforzar o sentimento de comunidade”.
Desde o Concello do Porriño tamén se puxo en valor o papel destas propostas para fomentar a colaboración con colectivos locais e impulsar a dinamización social e comercial durante as festas do Nadal.
