jueves. 28.03.2024

Membros do Goberno municipal acompañaron este mércores ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, na visita ao comezo das obras de mellora da seguridade viaria no Tramo de Concentración de Accidentes (TCA) da estrada autonómica PO-403 ao seu paso pola parroquia de Angoares.

Trátanse dunhas obras que dende o Concello de Ponteareas sempre se consideraron de máxima urxencia, que terán un orzamento de máis de 700.000 euros e que incluirán algunhas das demandas e propostas feitas polos colectivos veciñais para garantir a total seguridade nunha estrada que soporta unha altísima intensidade de tráfico dende a apertura da autovía hai máis de dúas décadas, como a ampliación dalgún tramo das beirarrúas para completar o itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada.

Ademais, as obras incluirán unha rotonda non prevista inicialmente e proposta polo Concello tras manter varias xuntanzas de traballo coa veciñanza. Naquel intre a Xunta non a consideraba oportuna e tras a insistencia do Goberno municipal e dos colectivos veciñais “logramos facerlle entender a necesidade desta glorieta para calmar o tráfico e reordenar os acceso na contorna da casa veciñal”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Por outra banda, a Xunta asegurou que os servizos técnicos están a avaliar a viabilidade técnica de introducir algúns novos cambios na execución e recoller novas propostas. “Alegrámonos de que por fin se faga realidade unha demanda que viñamos repetindo ano tras ano”, destaca a segunda tenenta da alcaldesa e concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote.

As obras, que se desenvolverán ao longo deste ano, actuarán sobre un treito de 1,6 quilómetros entre o enlace desta vía coa A-52 e o final da travesía de Angoares. As intervencións contemplan a mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade con cuñas de desaceleración ou aceleración que facilitarán os movementos de saída e incorporación, incrementando a visibilidade e evitando a probabilidade de sinistros por alcance. Crearanse ademais puntos específicos para a realización de xiros e cambios de sentido coa suficiente visibilidade, o que permitirá reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente nas axeitadas condicións de visibilidade.

Tamén se mellorará a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas aproximacións ou a ampliación das beirarrúas no paso de peóns. Outra das principais actuacións proxectadas é a creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido na intersección actual no punto quilométrico 8+860.

A estrada autonómica PO-403 o seu paso por Angoares vai mellorar a seguridade
Comentarios