Cangas vive un Domingo de Ramos multitudinario marcado pola tradición e o protagonismo das familias
La Semana Santa de Cangas volveu atopar no Domingo de Ramos unha das súas citas máis especiais, convertida nun auténtico punto de encontro interxeracional. Dende primeiras horas da mañá, familias enteiras —pais, nais, nenos, nenas e tamén avós— participaron nunha celebración na que tradición, devoción e memoria colectiva se entrelazaron polas rúas da vila.
A xornada comezou coa bendición dos ramos e das palmas, seguida da procesión da Borriquilla, un dos actos máis emblemáticos deste día. O ambiente festivo fíxose notar con intensidade, especialmente arredor dos máis pequenos, que recibiron palmas adornadas, doces e agasallos por parte de madriñas e padriños, mantendo viva unha tradición profundamente arraigada. Para moitos maiores, a celebración supuxo tamén un reencontro coa súa propia infancia, evocando recordos que hoxe ven reflectidos nas novas xeracións.
A climatoloxía acompañou, cunha mañá que foi abríndose ao sol a medida que avanzaban os actos. A imaxe de Xesús na súa entrada triunfal en Xerusalén, obra de Vladimiro Mielgo (1993), percorreu o itinerario previsto acompañada pola Banda de Gaitas e Percusión María Soliña. Numerosos veciños e visitantes agardaban o seu paso nas inmediacións da alameda vella, nun ambiente de convivencia onde se mesturaban relatos do pasado e novas vivencias.
Arredor das 11:30 horas tivo lugar a bendición dos ramos nos xardíns de José Félix Soage, para continuar posteriormente pola rúa Real ata a igrexa, nun percorrido marcado pola elevada participación veciñal. Xa ás 12:00 horas celebrouse no interior da excolexiata a Misa solemne da Paixón do Señor, cunha gran asistencia de fieis. Durante a liturxia proclamouse o relato da Paixón segundo o evanxeo de San Lucas, lembrando o significado desta xornada dentro do calendario cristián.
Pola tarde, ás 18:00 horas, desenvolveuse un dos actos máis entrañables do día: o Vía Crucis infantil. Nel participaron numerosos nenos e mozos, de entre catro e vinte anos, pertencentes ás distintas confrarías e irmandades da vila. Baixo a coordinación da Cofradía do Santísimo Cristo do Consuelo, os participantes percorreron varias rúas do casco urbano representando as catorce estacións do Vía Crucis.
Desde a súa posta en marcha en 2016, esta iniciativa consolidouse como unha das citas máis emotivas da Semana Santa canguesa. Ao longo do percorrido, os máis novos escenificaron os momentos clave da Paixón de Cristo, mentres familiares e veciños seguían o acto con atención e emoción. Este encontro entre xeracións reforza o carácter comunitario dunha tradición que segue viva e que cada ano suma novos protagonistas.
Unha vez máis, o Domingo de Ramos demostrou o profundo arraigo da Semana Santa en Cangas e a súa capacidade para unir á veciñanza arredor dunha mesma fe, mantendo vivas as tradicións que forman parte esencial da identidade local.