Alejandro Outerelo: “Covelo ten futuro, pero ese futuro hai que coidalo”
Alejandro Outerelo (2003), veciño do lugar dos Condes, na parroquia de Paraños, define Covelo como un concello “vivo, cheo e con potencial”, afastado da visión reducionista que ás veces o limita ao despoboamento ou ao monte. Nado en Covelo e profundamente ligado ás parroquias do municipio, asegura sentirse especialmente identificado con Santa Mariña polos recordos familiares, os relatos dos seus avós e a historia oral que foi coñecendo desde pequeno.
Outerelo explica que boa parte das súas raíces familiares están repartidas entre Covelo e Mondariz, con especial peso da parroquia de Santa Mariña. “A miña avoa utilizaba os alcumes da xente e chamábame moito a atención que á parroquia se lle chamase Santa Mariña”, lembra, destacando tamén a importancia das festas, da vida tradicional e da memoria transmitida polos maiores.
O entrevistado afirma sentirse orgulloso do seu concello e insiste en que Covelo representa “rural, patrimonio, cultura, riqueza medioambiental, tradición e cercanía”. Ao seu xuízo, o municipio conserva unha identidade forte baseada nas súas 14 parroquias, nos seus 181 lugares e no carácter da súa xente.
Con todo, tamén sinala problemas importantes que afectan ao futuro do municipio. Entre eles destaca a falta dun polo empresarial e industrial forte, aínda que recoñece o esforzo do Concello por impulsar cursos de formación, espazos coworking e atraer actividade económica. Tamén apunta á despoboación, aínda que matiza que desde 2020 a tendencia mudou lixeiramente grazas ao retorno de veciños e á chegada de persoas migrantes.
Un dos aspectos nos que máis insiste é na deterioración dos servizos públicos, especialmente da atención sanitaria. Segundo explica, Covelo pasou de contar con dous centros de saúde operativos a ter só un, ademais dunha única médica para atender a todo o municipio. “Un concello sen servizos é un concello que morre”, advirte. Na súa opinión, recuperar dous médicos de familia, pediatría de luns a venres e reforzar os centros de saúde debería ser prioritario.
Precisamente ao final da entrevista é cando Outerelo formula unha batería de propostas concretas para mellorar o municipio no caso de ocupar responsabilidades políticas. Asegura que o primeiro sería “contar coa oposición, porque representan parte da poboación”, defendendo que “o prioritario é Covelo, non as siglas políticas”.
Entre as medidas que propón figuran mellorar a sinalización das parroquias e lugares, crear dous polígonos sostibles vinculados ao sector agrícola e empresarial, aprobar un protocolo contra a homofobia e a discriminación, reforzar o CEIP de Covelo cunha reforma integral e ampliar a Formación Profesional ligada ao rural.
Tamén aposta por reclamar con firmeza máis recursos sanitarios á Xunta, crear unha concellería específica de participación veciñal e parroquias e incrementar o apoio económico doutras administracións para facer fronte ao envellecemento e á dispersión territorial do municipio.
Sobre a situación política actual, considera que o goberno municipal está “implicado en mellorar a vida dos veciños, reverter o despoboamento e atraer empresas”, aínda que entende que seguen existindo cuestións pendentes de mellora.
No ámbito laboral, Alejandro Outerelo traballa desde hai cinco anos na hostalería, concretamente no restaurante “La Pradera”, situado na parroquia de Paraños. Define o establecemento como “o verdadeiro dinamizador de Paraños”, destacando o movemento económico e social que xera arredor del e a constancia da súa actividade durante todo o ano.
Para rematar, lanza unha mensaxe clara sobre o futuro do municipio: “Covelo ten futuro, pero ese futuro hai que coidalo”.