martes. 23.06.2026

Un país, tres clásicos

As culturas maduras non son as que deixan de discutir sobre si mesmas. Son aquelas que conservan puntos de referencia firmes mentres continúan o debate.
Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

En poucos días, a xeografía simbólica de Galicia vai debuxar un triángulo perfecto, con tres vértices —Trasalba, Compostela e Mondoñedo— que non só conectan tres provincias, senón as tres liñas mestras sobre as que se asenta boa parte do noso imaxinario cultural contemporáneo.

O sábado 27, en Amoeiro, a Fundación Otero Pedrayo entrega o Premio Trasalba ao historiador Ramón Villares, que foi reitor da Universidade de Santiago, na mesma facultade onde fora catedrático Otero. O domingo 28, en San Domingos de Bonaval, no Panteón de Galegos Ilustres, o Goberno galego concede as Medallas Castelao. E durante eses mesmos días, en Mondoñedo, a Universidade de Santiago celebra o IV Encontro Álvaro Cunqueiro, baixo a dirección de Armando Requeixo, un dos principais especialistas no escritor.

Tres actos, tres provincias, un só país. Galicia volve reunirse arredor de Pedrayo, Castelao e Cunqueiro, os grandes fitos que sosteñen a arquitectura cultural do noso século XX. Resulta difícil atopar tres autores máis distintos entre si e, con todo, xuntos, seguen a compoñer parte da gramática esencial da identidade galega actual. Castelao desde a reflexión política e ética; Otero Pedrayo, o Patriarca, desde unha visión totalizadora da historia, da cultura e do territorio; Cunqueiro desde a potencia fabuladora da súa imaxinación literaria.

O máis significativo desta coincidencia festiva non son os actos en si mesmos. Tampouco quen reciba unha medalla ou un premio concretos, sendo estes tamén de xusta importancia para o conxunto do país. O relevante é comprobar que Otero Pedrayo, Castelao e Álvaro Cunqueiro continúan formando parte dese patrimonio compartido ao que Galicia debe regresar unha e outra vez para pensarse, explicarse e mesmo discutirse.

Durante moito tempo, a cultura galega viviu nunha situación de precariedade que obrigaba a converter cada homenaxe nun parapeto. Era necesario defender autores, recuperar obras esquecidas e reclamar espazos de visibilidade. Lembremos, por exemplo, a Otero Pedrayo e outros intelectuais acudindo a Bonaval para unha misa en honra de Rosalía: un acto de afirmación galeguista en pleno franquismo que transformaba a memoria nun refuxio de resistencia ética e política.

A normalidade dun país, deste país, non consiste en que desaparezan os debates sobre a lingua ou aspectos determinados da cultura galega. Ende ben, reside na existencia de referentes comúns de relevancia por riba dos disensos. O Ano Oteriano, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia; a consolidación das Medallas Castelao desde hai xa máis de corenta anos; ou a cuarta edición dun encontro universitario dedicado a Cunqueiro apuntan nesa mesma dirección, igual que o recoñecemento a Ramón Villares, estudoso da figura de Otero e autor dunha imprescindible Historia de Galicia, que simboliza hoxe a perfecta continuidade na cadea de transmisión do noso pasado.

As culturas maduras non son as que deixan de discutir sobre si mesmas. Son aquelas que conservan puntos de referencia firmes mentres continúan o debate. Quizais a verdadeira noticia non sexa a suma destes tres actos, senón o feito de poder ver que Castelao, Pedrayo e Cunqueiro seguen aí, e non como reliquias ou ecos dun tempo fuxidío, senón como miliarios vivos dunha conversa colectiva que Galicia continúa a manter consigo mesma.

Un país capaz de honralos os tres na mesma fin de semana —de Bonaval a Trasalba e a Mondoñedo, do Sar ao Miño e ao Masma— non é un país que mire cara atrás. É un territorio que conserva a capacidade de recoñecerse nun patrimonio simbólico común. Nun tempo de fragmentación e de certezas fráxiles, non parece unha mala nova.

Un país, tres clásicos
Comentarios