A primeira vez que que fixen o Camiño de Santiago foi na década dos oitenta cando aínda vivía na Coruña, non tendo nin idea da preparación previa que requiría. Meu acompañante, José Mª, tampouco sabía nada diso, polo que as pasamos canutas.
Dúas cousas básicas que aprendemos despois foron que os días anteriores ao inicio do Camiño é recomendable camiñar uns cantos quilómetros acotío para cando chegue o momento non romper á primeira de cambio, así como a levar o menor peso posible na mochila.
A primeira etapa que fixéramos foi un desastre, pois despois de percorrer moitas pendentes estabamos súper cansos e, para chegar antes, decidimos ir campo a través; acabando con rasguños por todas partes porque ao facerse de noite non podíamos ver os arbustos nin os buratos por non levar ningunha lanterna.
Outra cantada tivo que ver co que mercabas nos ultramarinos para xantar o día seguinte, modificando radicalmente ao que fixemos o primeiro día, no que compramos catro donuts de chocolate cada un; non morrendo por casualidade logo de tomalos seguidos. No que atinxe ás ceas, pedir algo quente nun bar, pola contra, deunos a vida.
Na última andaina que fixen con José Carlos polo río Umia vimos unhas fervenzas fantásticas. Durante todo o traxecto José Carlos, que traballa nunha brigada contra incendios, ía cortando as polas que obstruían o camiño para facilitar o paso dos excursionistas e metendo nunha bolsa as latas de cervexas que ía atopando. Nótase -e moito- que goza co seu traballo.
A única pega foi que o saír duns dos muíños de auga que vimos, dinme un golpe na cabeza por calcular mal a altura da estrutura de pedra e saíronme unhas gotas de sangue no cocote, sen que a cousa fora a máis.
O pasado fin de semana Jaime, José e eu comemos xuntos despois de moito tempo sen vernos e, despois de que Jaime comentara que lle parecía que tiñamos adelgazado, cada quen pasou a contar a súa estratexia para estar en forma. Así como José vai ao ximnasio, Jaime xoga ao golf e eu ao tenis, todos andamos bastante pero de maneira distinta.
No que respecta ás andainas, mentres José e eu procuramos andar algo cada día e máis a fin de semana, Jaime dixo que só os domingos porque o resto dos días non pode.
Cando José comentou que procuraba andar facendo puntos cardio e Jaime e eu preguntámoslle en que consistían, díxonos que eses puntos -que son os que permiten realmente adelgazar- só se obteñen cando andas rápido porque deste xeito se queiman moitas máis calorías.
De seguido Jaime dixo que debía ter una morea de puntos porque cando sae procura camiñar moi rápido para perder peso, comentando eu que probablemente non tiña ningún porque prefiro camiñar tranquilamente. E iso porque a miña mente só descansa así e soamente pensar que teño que consultar no móbil os puntos cardio que vou facendo, estrésame abondo.
Outra diferenza é que eles sempre saen a camiñar co pinganillo na orella, escoitando música, e eu prefiro contemplar a natureza e a paisaxe humana deixándome absorber por estas como se estivera mergullando.
Cando poidamos facer unha andaina outra vez os tres xuntos, tentarei seguir o seu ritmo como un xabato, tentando acadar un número de puntos cardio o máis presentable posible; aínda que non bata o récord do mundo, pois os amigos, amigos son.
