domingo. 26.07.2026

A arte de non facer nada

Adiccións aparte, un estudo da Universidade de Texas demostrou que cando o móbil está visible, aínda que estea apagado, o noso cerebro gasta recursos en non collelo.
Departamento de Infografía DL-G.
Ilustración DL-G.

O outro día cruceime cun mozo que levaba unha camiseta coa frase A arte de non facer nada que me recordou a importancia que ten a nosa rede neuronal cando lle deixamos facer o seu traballo.

A súa misión, como explicaba Carlos M. Sánchez no suplemento dun xornal que estaba na sala de espera do meu dentista, é conectar as neuronas entre si para ordenar as nosas vivencias, experiencias e emocións.

Os neurocientíficos teñen comprobado que cando o cerebro ten momentos espazados de silencio, esta rede restaura a infraestrutura cerebral integrando todos os nosos recordos e ideas remotas dándolles senso. Tanto que é a que nos axuda a conformar a nosa identidade e visión do mundo de maneira inconsciente.

Unha das claves desta rede cerebral que está situada entre a cortiza prefrontal e o lóbulo parietal e traballa co hipocampo, é que só pode realizar a súa función cando non estamos facendo nada produtivo.

Todo o que vivimos -dende unha caída en bicicleta a tomar unha cervexa cun grupo de amigos- nunha primeira fase pasa por esa rede en forma provisional, pasando despois a ser gravado dun xeito máis profundo polo hipocampo a unha gran velocidade.

As condicións que fan posible que estes apuntes -a modo de borrador- poidan converterse de seguido en recordos inesquecibles grazas ao hipocampo, son que se produzan durante o soño profundo ou nos momentos de tranquilidade cando estamos espertos sen facer nada. Pola contra, mentres estamos pendentes do móbil, o traballo que realiza o hipocampo non serve de nada porque a rede neuronal non ten capacidade de recibir a experiencia que xera este.

Dito doutro xeito, cando nunha sala de espera, nun paseo pola rúa ou unha viaxe en tren estamos inmersos na pantalla, o traballo combinado da rede neuronal e o hipocampo non se completa.

A dependencia da rede dixital, segundo moitos estudos impide que a rede neuronal complete o seu ciclo, desaparecendo a nosa paz de espírito porque a rede neuronal non é quen de etiquetar os recordos e o soño nin de gardalos.

Adiccións aparte, un estudo da Universidade de Texas demostrou que cando o móbil está visible, aínda que estea apagado, o noso cerebro gasta recursos en non collelo.

O experimento da Universidade de Alberta que bloqueou o acceso a internet durante dúas semanas a 467 persoas fóra do traballo, comprobou como a mellora en síntomas depresivos superou o efecto dos antidepresivos farmacolóxicos; a capacidade de atención mellorou o equivalente a reverter dez anos de declive cognitivo; durmían e socializaban máis; e facían máis exercicio. Por que?: porque cada interrupción do móbil impide que a rede neuronal complete o seu ciclo e a súa infraestrutura cerebral se desmantela.

A frase sobre A arte de non facer nada que vin escrita na camiseta daquel mozo que me crucei pola rúa, neste senso tiña razón. Cando gozamos coa familia e os amigos, contemplamos unha árbore ou esperamos a chegada do bus facendo caso omiso do móbil, aínda que pareza o contrario, non estamos perdendo o tempo. Estamos mellorando a nosa calidade de vida e a dos demais.

A arte de non facer nada
Comentarios