jueves. 23.04.2026

Amigo

A amizade, por suposto, é algo moi diferente desas relacións virtuais. A amizade –digámolo sen ambaxes– é amor, un tipo de amor. Existe o amor de pai ou nai, o amor de fillo, o amor de irmán e o amor de amigo. 
Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

Entro nun bar de Lugo e vexo impresa na parede unha certeira cita de Voltaire: “Los malvados tienen cómplices; los sensuales, compañeros de viaje; los codiciosos, asociados; los políticos, partidarios; los holgazanes, relaciones; y los príncipes, cortesanos, pero solo las personas virtuosas tienen amigos”.


Certamente, hoxe abúsase do termo “amigo”. Sempre se abusou, pero hoxe mais por mor das redes sociais, onde mesmo se chama así a todos os contactos, que, na inmensa maioría dos casos, no pasan de meros coñecidos. Semella que as redes fixeron realidade o soño do cantautor brasileiro Roberto Carlos de ter “un millón de amigos”, pero non. O que teñen nas redes algúns é un millón de contactos.


A amizade, por suposto, é algo moi diferente desas relacións virtuais. A amizade –digámolo sen ambaxes– é amor, un tipo de amor. Existe o amor de pai ou nai, o amor de fillo, o amor de irmán e o amor de amigo. Cada un ten ás súas particularidades, pero é o mesmo amor e defínese da mesma maneira: “A procura activa do ben do outro en canto outro”. Nada que ver, como se ve, coas redes sociais.


A música pop é intranscendente de por si, mais ás veces ten reflexionado sobre temas importantes, mesmo sobre Deus (estou a pensar agora no “My sweet Lord” de George Harrison). E tamén sobre a amizade. Hai dúas cancións anglosaxoas emblemáticas neste senso: “You’ve got a friend”, de Carole King, versionada con éxito tamén por James Taylor, que daquela era o seu mozo, e “With a little help of my friends”, dos Beatles, que Joe Cocker mellorou con outra extraordinaria versión.


Pero no pop en castelán tamén atopamos algunhas grandes cancións sobre a amizade. Serrat ten dúas memorables: “Decir amigo” e, sobre todo, “Las malas compañías”. E Alberto Cortez tiña outras dúas xoias: “A mis amigos” e “Cuando un amigo se va”. 
Mais cando penso en cancións sobre este asunto venme sempre á cabeza, ademais de “Un millón de amigos”, o “Amigo” de Roberto Carlos, composta orixinariamente en portugués. O cantautor brasileiro escribiuna para o seu amigo Erasmo Carlos, o seu “irmán musical” (ao cabo, un amigo é un irmán que escollemos), compositor da música da gran maioría dos seus éxitos. Pero hai en Youtube un vídeo impagable en que Roberto Carlos a canta para o humorista Jô Soares no famoso programa de televisión que tiña este. As imaxes son dunha beleza e dunha emoción indescritibles. Roberto Carlos e o Jô están sentado detrás dunha mesa. O presentador acaba de entrevistalo e anuncia ao público que o intérprete vai cantar “Amigo”. Pero Roberto Carlos rexeita levantarse e ir ata o escenario e, poñéndolle unha man no ombreiro, dille: “Non, eu vou cantar aquí ao teu lado, porque non ten sentido cantar esa canción aí. É para cantarcha de fronte, mirándote aos ollos, pois ten todo que ver contigo. Foi feita para o meu amigo Erasmo Carlos, mais xaora que podo cantala para outros amigos queridos coma ti”. E rompe a chorar de emoción, emocionando tamén o Jô. Entón dálle un bico na faciana e, con bágoas nos ollos, que seca cun pano de papel, comeza a cantar, sen deixar de mirar o seu amigo e pasándolle un brazo polas costas. O presentador quita as lentes e seca tamén os seus ollos húmidos pola emoción. Cando o intérprete canta o verso “O seu coração é uma casa de portas abertas”, golpea varias veces o peito do seu amigo e este mírao pechando momentaneamente os ollos e apretando a boca para conter a emoción. E así ata ao final. Roberto Carlos remata a peza dando un bico na despexada fronte do Jô, quen, saloucando, apenas pode despedir o programa. O retrouso da canción resúmeo todo: “Nao preciso nem dizer tudo isso que eu te digo, mas é muito bom saber que você é meu amigo”.


Un vídeo impagable, como digo, que teñen que ver. “Hoxe caían bágoas dos meus ollos diante de tanto amor, dedicación, afecto, amizade”, escribiu alguén nos comentarios. Abofé que si. Tamén dos meus.

Amigo
Comentarios