jueves. 23.04.2026

O Concello de Nigrán celebra este sábado 25 de abril unha nova cita do seu ciclo ‘Primavera de Jazz’, que alcanza xa a súa cuarta edición. O concerto de Noar 4 terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio Municipal.

O ciclo, inaugurado o pasado 28 de marzo polo pianista vigués Iago Vázquez, reúne nesta edición a músicos galegos de recoñecemento internacional en tres actuacións imprescindibles para os amantes do jazz. Tras esta segunda cita, o programa pecharase o 30 de maio con ‘Juzz’, banda liderada polo guitarrista Virxilio da Silva.

Todos os concertos son de balde ata completar aforo e contan co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do programa Plan + Provincia.

O alcalde de Nigrán, Juan González, destaca a consolidación desta proposta cultural:
“Levamos catro anos ofrecendo en Nigrán aos mellores músicos de jazz do país en directo e fóra da tempada estival, un auténtico luxo para un público fiel”.

O rexedor subliña ademais que esta iniciativa responde á demanda xerada polo éxito do festival Nigranjazz, que suma xa 19 anos:
“Contamos cun público consolidado e cun alumnado da Escola de Música que reclama máis concertos ao longo do ano, polo que apostamos firmemente por este ciclo para promover tamén o talento galego”.


Noar: jazz, canción de autor e experimentación

Noar é o proxecto liderado por Iago Marta (guitarra) e Rubén Fernández (voz), dous músicos destacados da escena galega. Para esta ocasión presentan o formato cuarteto, coa incorporación de Yudit Almeida (contrabaixo e voz) e Zalo Rodríguez (electrónica e teclados).

A súa proposta combina a esencia do seu traballo anterior, Ao vivo, cunha evolución cara á canción de autor e o pop, sen renunciar ás pinceladas de jazz e experimentación que definen o seu universo sonoro.

Nigrán continúa este sábado o ciclo ‘Primavera de Jazz’ co concerto de Noar 4
Comentarios