jueves. 25.04.2024

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de adxudicar á entidade financeira Abanca a xestión das tarxetas da nova edición do bono turístico #QuedamosenGalicia22, que os usuarios poderán reservar a partir de mediados deste mes.

Segundo o calendario previsto, na vindeira semana publicarase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria e abrirase o prazo para que se sumen as empresas interesadas en participar nunha iniciativa que o ano pasado pechou con cifras moi positivas, tanto polo número de empresas do sector turístico que se sumaron como polo éxito entre os usuarios. A información publicarase tamén na páxina web de Turismo de Galicia.

Os interesados poderán comezar a reservar o bono a partir de mediados deste mes, dispoñible para todos os cidadáns maiores de idade empadroados nun concello galego, con preferencia para os que non foran beneficiados na convocatoria de 2021. Nesta ocasión, a Xunta asumirá o 40% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 60%.

Ao igual que o ano pasado haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros -100€ abonados pola Xunta e 150€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -150€ achegados polo Goberno galego e 225€ polos particulares-; e o terceiro de 500 euros -200€ pola Xunta e 300 polos particulares-. O ano pasado a tarxeta de maior contía foi a escollida na súa gran maioría polos solicitantes.

A data límite para o seu uso será o 31 de decembro de 2021, se ben durante os meses de verán -entre o 1 de xullo e o 15 de setembro- as tarxetas permanecerán inhabilitadas debido a que esta nova convocatoria vai enfocada a desestacionalizar a oferta e a manter a ocupación e a liquidez no sector na tempada de menor actividade e demanda.

A anterior edición do bono foi unha medida pioneira e unha historia de éxito de principio a fin, esgotando en 12 horas as 12.300 tarxetas dispoñibles con case 1.200 establecementos turísticos adheridos.

Esta iniciativa permitiu inxectar 7,6 millóns de euros ao sector e supuxo un balón de osíxeno. Ademais, concentrou o consumo no último trimestre, o que da unha idea da capacidade de desestacionalización desta medida.

A Xunta adxudica a Abanca a xestión das tarxetas da nova edición do bono turístico