lunes. 06.05.2024

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a resolución pola que se regula o procedemento para participar no programa de axudas na área de rehabilitación integral (ARI) da Ribeira Sacra, declarada o pasado mes de febreiro e que comprende un total de 25 concellos das provincias de Lugo e Ourense (Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo).

A resolución indica que, antes de poder pedir estas axudas –ás que se destinará nesta primeira convocatoria unha partida de 850.000 euros-, é necesario solicitar e obter as cualificacións provisional e definitiva das obras executadas, un trámite que se poderá facer xa a partir de mañá.

Deste xeito, o primeiro paso que debe dar quen desexe solicitar unha subvención na ARI da Ribeira Sacra é tramitar ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) a cualificación provisional da rehabilitación que vai realizar. É imprescindible facer a solicitude antes do remate das obras e que as mesmas non foran iniciadas antes do 1 de xaneiro do ano en que se solicite a devandita cualificación.

Unha vez obtida a cualificación provisional e rematados os traballos, abrirase un prazo dun mes para solicitar do IGVS a cualificación definitiva, o que dará dereito a solicitar as axudas unha vez que se realice a convocatoria das mesmas, prevista para a vindeira semana. A contía destas subvencións poderá chegar ata os 25.000 euros por cada vivenda rehabilitada.

Poderán beneficiarse das axudas para actuacións de rehabilitación na ARI da Ribeira Sacra os seguintes colectivos:

• Persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.
• Comunidades de persoas propietarias e agrupacións de comunidades de persoas propietarias.
• Agrupacións de persoas propietarias.
• Administracións públicas con competencias no ámbito da ARI (unicamente para actuacións en espazos comúns).

REQUISITOS DAS OBRAS

Os propietarios e promotores de obras de rehabilitación no ámbito da ARI da Ribeira Sacra poderán obter axudas para actuacións realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva ou nas vivendas situadas nestes edificios.

As actuacións deberán dispor de licenza municipal ou someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas, e deberán axustarse ao proxecto de execución das obras presentado coa solicitude de cualificación provisional ou a memoria elaborada para a súa execución.

Ademais, as actuacións de rehabilitación e renovación realizaranse de conformidade aos criterios fixados na Guía de Cor e Materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

ACTUACIÓNS EN ESPAZOS PÚBLICOS

Así mesmo, as administracións con competencias no ámbito da ARI poderán acceder a esta liña de axudas para actuacións en espazos públicos, dirixidas á urbanización e reurbanización dos mesmos ou en materia de auga, enerxía, eficiencia enerxética, biodiversidade e espazos verdes.

Xunto coa resolución pola que se establece o procedemento e as bases reguladoras destas subvencións, o DOG publica tamén o catálogo de obras que se poden beneficiar das axudas na área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra.

CONTÍA DAS AXUDAS

Os beneficiarios recibirán dúas axudas complementarias, financiadas con cargo ao Plan de Vivenda e a fondos propios da Xunta de Galicia.

O importe total das axudas pode chegar a acadar os 25.000 euros por vivenda no caso de rehabilitación, e os 34.000 euros por vivenda no caso de construción de novas vivendas en substitución doutras xa existentes ou para atender casos de chabolismo ou infravivenda.

Con cargo ao Plan de Vivenda, o importe da axuda non poderá superar o 40% do custo subvencionable, coas seguintes excepcións:

• Unidades familiares con ingresos inferiores a 3 veces o IPREM que realicen actuacións en vivendas unifamiliares ou actuacións no interior de vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva, en cuxo caso será de ata o 75 %.
• Actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite na unidade de convivencia da persoa propietaria, promotora da actuación e residente na vivenda, que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

ACTUACIÓNIMPORTE MÁXIMO POR VIVENDACONTÍAS ADICIONAIS
Actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas*12.000 €·         120 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos en edificios de tipoloxía residencial colectiva·         1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declarados ben de interese cultural
Actuacións de conservación, da mellora na seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas*8.000 €
Vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.Vivenda construída, para casos de infravivenda e chabolismo.30.000 € 

* Estas axudas unitarias incrementaranse nun 25% cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Os concellos poderán recibir ata 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por cada vivenda construída, para financiar as actuacións de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano.

Con cargo aos fondos propios da Xunta de Galicia as axudas serán as seguintes:

ACTUACIÓNIMPORTE MÁXIMOLÍMITE
Rehabilitación ou renovación de vivendas4.000 €10% do orzamento
Rehabilitación ou renovación, adaptada á “Guía de cores e materiais” aprobada pola Xunta de Galicia.1.000 €Esta axuda súmase á anterior 

As axudas financiadas con fondos do Plan de Vivenda e fondos propios da Xunta de Galicia son complementarias entre si e compatibles con calquera outras axuda destinada ao mesmo fin, sempre que o importe conxunto non supere o 100 por cento do custo.

Programa de axudas da área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra