sábado. 12.10.2024

A Xunta de Galicia invita ao tecido social da comarca de Pontevedra a coñecer os distintos programas e liñas de axudas en materia de vivenda ás que poden optar os cidadáns e os concellos.

A primeira sesión dos encontros informativos Construíndo Fogar terá lugar o vindeiro luns, 21 de febreiro, ás 10,30 horas, na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra (avenida María Victoria Moreno, 43), e contará coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), para informar dos detalles de máis de vinte liñas distintas de incentivos e resolver as dúbidas dos asistentes.

Ao encontro, aberto ao público en xeral, están convocados representantes dos concellos da Lama, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa.

Asemade, tamén se invitou a entidades, como os colexios oficiais de arquitectos, enxeñeiros técnicos e peritos agrícolas de Pontevedra; e a empresas do sector da vivenda e da rehabilitación edificatoria, como inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños e da propiedade e asociacións de empresarios e da construción.

O obxectivo é informar dos requisitos que os beneficiarios de cada axuda deben cumprir, así como dos trámites que deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes de publicar a súa convocatoria.

Así, o IGVS dará conta dos programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia. Á maioría están dirixidos aos particulares, pero tamén existen outros que son exclusivamente para os concellos.

Asemade, brindarase información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou de alugueiro.

No encontro tamén se presentarán aqueles programas que benefician de xeito particular aos concellos da comarca, como son as axudas ás áreas de rehabilitación supramunicipais das Illas Atlánticas —principalmente, Ons— e dos Camiños de Santiago, xa que por estes municipios discorre o Camiño Portugués.

A Consellería de Medio Ambiente considera necesarios e fundamentais estes encontros, para dar a coñecer a existencia das liñas de subvencións dispoñibles; animar aos posibles beneficiarios a presentar unha solicitude, ofrecendo información de directa, práctica e útil, e sobre todo, para brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.Imaxes relacionadas

Coñecer os distintos programas e liñas de axudas en materia de vivenda na provincia...