jueves. 28.03.2024

A Consellería de Facenda e Administración Pública acaba de remitir ás organizacións sindicais a nova proposta de regulación de teletraballo do empregados públicos. Galicia será así, unha das primeiras comunidades en adaptarse á normativa de reforma do teletraballo aprobada polo Goberno central e publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) o pasado 30 de setembro.

O texto remitido hoxe aos sindicatos ten como obxectivo regular as condicións e o procedemento para autorizar a prestación dos servizos na modalidade do teletraballo ao persoal da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. A normativa será de aplicación ao persoal funcionario e ao persoal laboral da Administración autonómica e non se aplicará ao persoal docente de educación; ao estatutario do ámbito sanitario e ao persoal da Administración de Xustiza.

Considérase teletraballo á modalidade de prestación de servizos a distancia na que o contido competencial e funcional do posto de traballo pode desenvolverse –sempre que as necesidades do servizo o permitan- fóra das dependencias da Administración mediante o uso das tecnoloxías da información e comunicación.

Esta modalidade será voluntaria e reversible tanto para o empregado público que o solicite como para a Administración. A autorización terá duración dun ano e prorrogarase automaticamente nas mesmas condicións mentres persistan as circunstancias que deron lugar a esa autorización. En todo caso, as unidades administrativas contarán cunha presenza diaria mínima obrigatoria do 40% dos seus efectivos e a xornada de traballo diaria non poderá fraccionarse para ser prestada nas dúas modalidades (presencial e a distancia).

O teletraballo será compatible con calquera das modalidades horarias –ordinaria, flexible ou especial- permitidas. En todo caso, os días nos que se desenvolva a modalidade de teletraballo, o horario de referencia paras as persoas que teñan autorizado o horario flexible por razóns de conciliación familiar e laboral, será o comprendido entre as 9,00h e as 14,00h.

Non poderá aplicarse naqueles postos cunhas funcións que esixan necesariamente a prestación de servizos presenciais, é dicir, aqueles nos que a súa prestación efectiva só quede plenamente garantida coa presenza física do empregado público.

REQUISITOS

Os empregados públicos que soliciten acollerse á modalidade de teletraballo deben estar en servizo activo; ter unha antigüidade igual ou superior aos dous anos de servizo no posto de traballo para o que se solicita o telebrallo; ter coñecementos informáticos e telemáticos; dispoñer dun espazo de traballo que cumpra as condicións establecidas en materia de prevención de riscos laborais; e dispoñer de conexión a internet.

Para que unha unidade administrativa poida autorizar a prestación de servizos a través da modalidade de teletraballo debe poder implantarse un sistema de xestión do traballo por obxectivos ou un sistema medible de asignación de tarefas.

RECURSOS TECNOLÓXICOS

Os medios técnicos para desempeñar o posto na modalidade de teletraballo serán propiedade da Administración, que facilitará ao empregado público un ordenador; ferramentas ofimáticas; acceso ás aplicacións informáticas da Comunidade; conexión cos sistemas informáticos da Administración autonómica ou os sistemas de sinatura electrónica.

Os recursos tecnolóxicos que se entreguen por parte da Administración serán preferentemente os mesmos que os que se vaian empregar nas xornadas presenciais para evitar a duplicidade de medios.

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) facilitará aos empregados que estean no ámbito de aplicación da nova regulación a formación necesaria para unha óptima prestación de servizos na modalidade de teletraballo e para o desempeño eficiente das funcións de supervisión, prevención de riscos laborais, protección de datos ou ferramentas tecnolóxicas de traballo.

Galicia, unha das primeiras comunidades en adaptarse á normativa de reforma do...