viernes. 29.03.2024

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, recibiu a aprobación dun proxecto europeo que permitirá impulsar a cooperación de Galicia con outras rexións europeas para identificar e promover políticas e instrumentos que permitan xestionar, manter e mellorar o capital natural das zonas rurais e reducir o risco e o impacto de desastres ambientais como os incendios forestais, xerando ao mesmo tempo oportunidades económicas e sociais que atraian poboación ás zonas rurais. A secretaria xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asistiu esta semana en Estocolmo á reunión de posta en marcha desta iniciativa. 

O proxecto, denominado Down to Earth: Abordando o desafío do despoboamento para mellorar a resiliencia ambiental das zonas rurais, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa Interreg Europe 2021-2027 e conta cun orzamento de 1,65 millóns de euros, dos cales algo máis de 450.000 euros serán mobilizados en Galicia.

A secretaria xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asistiu esta semana en Estocolmo á reunión de posta en marcha desta iniciativa que permitirá impulsar a cooperación de Galicia con outras rexións para promover políticas e instrumentos que permitan xestionar, manter e mellorar o capital natural das zonas rurais

Ademais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, coordinadora da iniciativa, no proxecto participan outros seis socios europeos de rexións que comparten desafíos semellantes en Italia, Alemaña, Grecia, Romanía, Países Baixos e Eslovenia. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural é o socio que máis fondos aporta e recibe no marco deste proxecto, cun investimento de máis de 250.000€ e o compromiso de coordinar as imprescindibles transferencias de información e coñecemento entre os socios que constitúen o eixe central do proxecto, que xorde da necesidade de abordar as consecuencias do cambio climático.

Durante os próximos catro anos, os oito socios traballarán conxuntamente co obxectivo de identificar e promover boas prácticas para a xestión, mantemento e mellora do capital natural das zonas rurais que permitan reducir o risco de desastres ambientais como os incendios forestais, xerando ao mesmo tempo oportunidades económicas e sociais que poden atraer poboación ás zonas rurais.

Para a consecución deste obxectivo xeral, o proxecto prevé mobilizar os principais axentes das rexións participantes a través da organización de distintas iniciativas para o intercambio de experiencias e a aprendizaxe mutua centrada nas iniciativas e instrumentos que se están a empregar en Europa, entre os que se incluirán a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e os instrumentos que prevé, como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as permutas de especial interese agrario ou as agrupacións de xestión conxunta.

Os traballos implicarán en cada territorio a participación de distintas entidades con competencias e responsabilidades directas e indirectas sobre estas cuestións. Entre os participantes figuran universidades, axencias de desenvolvemento, entes territoriais, entidades locais de diverso ámbito territorial ou actores da sociedade civil vencellados a estes asuntos.

As temáticas de traballo teñen en conta a realidade de cada un dos territorios nos que se vai traballar e agrúpanse arredor de tres liñas de interese para todos os participantes: riscos ambientais vencellados ao despoboamento e ao envellecemento da poboación nas áreas rurais, barreiras de acceso ao rural despoboado e envellecido para a xente nova que quere incorporarse ao sector primario, instrumentos para fortalecer o papel dos actores do sector primario na loita contra o cambio climático e a prevención de riscos ambientais nas áreas rurais. Así, os resultados do proxecto permitiranlles ás entidades participantes introducir melloras na implementación dos instrumentos analizados para abordar de forma máis efectiva estes tres temas fundamentais. 

A Xunta lidera un proxecto europeo para mellorar a resilencia ambiental das zonas rurais
Comentarios