Un proxecto de dous alumnos de Bacharelato Internacional do Colexio Internacional
SEK-Atlántico de Poio, centrado na loita biolóxica contra a avespa velutina, vén
de gañar o primeiro premio en Exporecerca, a feira científica para xoves
investigadores máis importante de España, onde tamén conseguiron o “Premio
Jóvenes Investigadores” e o “Mejor Trabajo en Biología”. Trátase de Nuno Sinde e Pedro
Fernández. En 2019 fixéronse co primeiro premio en
Galiciencia con este mesmo proxecto, o que lles permitiu participar nesta feira
internacional en Barcelona. Agora terán a oportunidade de presentalo noutros
certames para xoves investigadores en Málaga e tamén en California.
No seu proxecto Nuno e Pedro ofrecen unha sorprendente abordaxe para un
problema que cada vez é máis preocupante dentro e fóra de Galicia. Partiron da
idea de buscar un axente natural para controlar a invasión desta especie,
procedente do continente asiático e que está a destruír moitas abellarizas no
norte da Península Ibérica desde a súa chegada no ano 2005.
O controlador natural testado con éxito por estes estudantes é un fungo,
o Cordyceps militaris, que, segundo comprobaron, pode inocularse nos
niños das avespas e alimentarse das quitinas das súas larvas, reducíndose así a
súa poboación e evitando o uso de insecticidas químicos. Propoñen a súa
utilización en todo o suroeste francés, o norte de España e o norte de
Portugal, especialmente nas súas zonas húmidas, que é onde a velutina se
instalou grazas a unha perfecta adaptación ao clima atlántico europeo.
CONTROLADOR NATURAL Y ACEITES VEXITAIS
“O controlador natural debía ser una especie existente no ecosistema para
que non o afectara, por iso pensamos nun fungo” -indican os rapaces-. “Polo de
agora os distintos métodos de combate contra esta praga non foron demasiado
efectivos, xa que o avance anual é de varios quilómetros. Neste sentido,
utilizamos trampas caseiras con moi bos resultados de caza e captura destes
insectos. Todas as trampas que inventaron ata o momento os apicultores teñen
como finalidade matar ao maior número de velutinas posible. Ao contrario, o
noso propósito é que saian vivas da trampa, transportando un fungo letal para
esta especie”.
Os rapaces explican que o fungo escollido é apto, xa que probaron mediante
experimentos en laboratorio que non só será capaz de medrar e de sobrevivir
sobre a avespa, senón que tamén poderá converter o niño nun lugar axeitado para
a súa reprodución. “O Cordyceps militaris posúe unha forza de
propagación moi superior á de moitos outros fungos similares” -aseguran-.
Ademais, desde os inicios deste proxecto, os dous estudantes lograron
importantes avances. Así, están a usar novos materiais para conseguir atraer ás
avespas, en particular aceites vexetais.
Nuno e Pedro remarcan que “cómpre o control desta especie invasora de avespas
que proveñen de Asia porque limitan a biodiversidade de moitos ecosistemas, ao
non existir ningún depredador natural que controle a súa poboación, polo que é
necesario axudar co respaldo da tecnoloxía e o avance científico de cara a combater
un insecto realmente daniño para a natureza do suroeste europeo”.
A titora destes alumnos, a profesora María
Machicote, sinala que “Galiciencia abriunos
moitas portas e agora estamos a vivir experiencias moi enriquecedoras para os
rapaces, que co seu traballo e constancia están a conseguir logros moi
importantes”.