martes. 19.03.2024

A Xunta colabora nos traballos arqueolóxicos de Sálvora, que veñen de descubrir un xacemento romano na illa. O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo vén de realizar a primeira escavación arqueolóxica en Sálvora. Grazas a esta intervención, descubriuse un importante xacemento romano que -segundo as primeiras hipóteses dos investigadores- posiblemente corresponda cunha factoría de salgadura.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Parque Nacional das Illas Atlánticas, vén colaborando co GEAAT que xa en 2021 realizou traballos similares na illa de Ons, onde tamén se atoparon dous importantes xacementos de época romana.

O equipo de investigadores – dirixido polo profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense, Adolfo Fernández- levou a cabo unha sondaxe valorativa no Areal dos Bois, onde anos atrás xa se descubriran algúns materiais arqueolóxicos en superficie, polo que esta evidencia apuntaba á existencia dun xacemento romano, sen saber as dimensións e características.

Achados en Salvora
O equipo de traballo localizou un vertedoiro con centos de fragmentos cerámicos, ósos de animais, cunchas, enxoval e fragmentos dun morteiro hidráulico

Así, o Parque Nacional das Illas Atlánticas decidiu colaborar con este grupo investigador que tiña por obxectivo caracterizar os posibles restos agochados baixo a duna, mediante a realización dunha sondaxe valorativa.

A intervención, realizada durante o mes de abril, deu como resultado o achado -baixo a duna- dunha estrutura de época romana. O equipo da Universidade localizou un muro de contención que nivelaba o terreo nunha zona por onde descorría un antigo regato e, fóra do edificio romano, localizouse un vertedoiro con centos de fragmentos cerámicos, ósos de animais, cunchas, un coitelo de ferro e unha fibela de bronce.

Todo este material será estudado no Laboratorio do GEAAT -no campus de Ourense- e poderá achegar importantes datos sobre a cronoloxía do xacemento, os seus usos e os hábitos de vida e consumo de alimentos dos seus habitantes, como por exemplo as especies que existían e que eran consumidas na illa durante os séculos I ao IV d.C.

Ademais deste material, na sondaxe tamén recuperaron abundantes fragmentos de morteiro hidráulico formado por cal e coios que era utilizado habitualmente como revestimento dos píos de salga, similares aos empregados nas fábricas romanas de Adro Vello (O Grove), en Sobreira (Vigo), en O Naso (A Illa) ou na propia fábrica de Canexol (na illa de Ons). Así, estes achados reforzan a hipótese da existencia desta fábrica de salgadura romana.

Traballos arqueolóxicos en Sálvora descobren un xacemento romano na Illa