domingo. 21.04.2024
O pleno da sesión constitutiva da corporación da Deputación de Pontevedra inviste a Luis López novo presidente

Os municipios "son a alma desta institución e a eles e por eles dirixiremos toda a nosa acción de goberno”, afirmou Luís López, o novo presidente da Deputación de Pontevedra

Nova etapa para a Deputación de Pontevedra con Luis López como presidente. O Salón de Plenos do Pazo, totalmente ateigado de público, vén de acoller a sesión constitutiva da Corporación Provincial nun acto no que as/os 27 deputadas/os electas/os  xuraron e prometeron os seus cargos e quedou fixado o equipo que se encargará de rexer o rumbo da provincia nos vindeiros catro anos.
O presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda felicita ao novo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López.
O presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda felicita ao novo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López.

Nova etapa para a Deputación de Pontevedra con Luis López como presidente. O Salón de Plenos do Pazo, totalmente ateigado de público, vén de acoller a sesión constitutiva da Corporación Provincial nun acto no que as/os 27 deputadas/os electas/os  xuraron e prometeron os seus cargos e quedou fixado o equipo que se encargará de rexer o rumbo da provincia nos vindeiros catro anos. “Teño a intención de gobernar esta institución pensando e atendendo aos 61 concellos da provincia, sen importar o signo do seu goberno político e centrándonos exclusivamente no benestar da cidadanía da provincia” remarcou o xa presidente da Deputación no acto de toma de posesión do seu cargo no que deixou plasmada a folla de ruta do novo goberno.

   O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, asiste ao pleno de sesión constitutiva da corporación da Deputación de Pontevedra. No Pazo Provincial

O pontevedrés Rafa Domínguez e a viguesa Marta Fernández-Tapias serán os vicepresidentes da Deputación e o resto do equipo estará integrado por Jorge Cubela, María Ramallo, Alejandro Lorenzo, Roberto Carrero, Nava Castro, José López, Jesús Vázquez Almuíña, Isabel Couselo, Javier Tourís, Marcos Guisasola e Sandra Bastos.  “Un equipo de goberno moi potente, con xente con liderado, capacidade de traballo, coñecemento político e cercanía social”, remarcou o presidente que tomou posesión do seu cargo cunha “grandísima honra e co máximo orgullo, pero tamén con absoluta humildade e con toda a responsabilidade por estar á altura do que precisan os 61 concellos da provincia e os 943.000 cidadáns que residen nela”.  Os municipios – incidiu- “son a alma desta institución e a eles e por eles dirixiremos toda a nosa acción de goberno”, “son as administracións ás que nos debemos e ás que temos que servir e atender”. De feito, reivindicou a necesidade de “coidalos máis. Desde este goberno provincial imos tratar de coidalos máis”.

Tamén tivo palabras para lembrar aos ex presidentes aos que recoñeceu o seu traballo e ante os que se comprometeu a “seguir buscando, incansablemente, o avance e progreso da nosa provincia da man dos concellos”. Neste aspecto adiantou que o goberno provincial traballará a prol da igualdade real e efectiva, do medio ambiente e do coidado do planeta; apostará pola demografía “nun territorio cada vez máis envellecido que precisa de máis e mellores accións e políticas de conciliación para tratar de reverter esta situación”; potenciará a cultura e a lingua; impulsará a promoción económica, a xeración de riqueza, o asentamento de empresas e creación de emprego; promoverá a mellora, mantemento e investimentos das infraestruturas; recuperará os apoios ás asociacións e colectivos veciñais, sociais, musicais, culturais, deportivos e, entre outras, sociosanitarios e impulsará políticas sociais, turísticas, deportivas, de cooperación, de xuventude, no ámbito das relacións fronteirizas, do medio rural ou do mar.

No acto, no que a música tradicional galega tivo un papel protagonista a través da Banda de Gaitas provincial de Pontevedra que arroupou ás deputadas e deputados populares no acceso ao Salón de Plenos e da súa interpretación do solemne himno galego que puxo en pé ao auditorio, déronse cita máis de 300 persoas entre autoridades civís e militares, representantes do tecido económico, cultural, social, deportivo, veciñal e dos medios de comunicación da provincia, integrantes da Universidade de Vigo e da UNED e familiares e amizades do novo presidente e das/dos deputadas/os provinciais. Entre as autoridades, atopábanse o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; os conselleiros Román Rodríguez e Julio García; o director xeral de Gandaría, José Balseiros Guinarte; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; deputados/as autonómicos/as; e os delegados territoriais da Xunta en Pontevedra e Vigo, Agustín Reguera e Ana Ortiz. Tamén autoridades estatais como a vicepresidenta 2ª do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, xunto a integrantes do Congreso dos Deputados e do Senado.

Ex presidentes da Deputación de Pontevedra como César Mera ou Rafael Louzán tamén asistiron ao acto de constitución da nova Corporación Provincial, así como alcaldes e alcaldesas da provincia, ex deputados provinciais, os presidentes de autoridades portuarias de Vigo e Marín-Ría de Pontevedra, Carlos Botana e José Benito Suárez, ou, entre outros, o decano do corpo consular de Vigo, Juan Vieites Baptista de Sousa. Ademais tamén se deron cita no acto de toma de posesión de Luis López como presidente da Deputación o presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez; o recentemente nomeado fiscal xefe da área de Pontevedra, Pablo Varela; a directora do aeroporto de Peinador, Ana Molés; a directora do Centro Penitenciario da Lama, Teresa Delgado; e autoridades militares representando dende as Comandancias Navais ata a Policía Nacional, Autonómica, a Garda Civil ou a Subdelegación de Defensa.

Os municipios "son a alma desta institución e a eles e por eles dirixiremos toda a nosa...
Comentarios