domingo. 21.04.2024

A feira de enerxía Enerxétika, a cal celebrará a súa cuarta edición do 11 ao 13 de abril na Feira Internacional de Galicia ABANCA, conformará un interesante foro para instaladores e profesionais relacionados coa pequena e mediana obra de reparación, reforma e rehabilitación. Así, ademais da multitude de propostas presentes na área expositiva dirixidas a eles, tamén contarán cun interesante programa.

Unhas actividades que se celebrarán de man da Federación de Asociacións de Empresas da Reforma e Rehabilitación de Galicia (FEDERGAL) e da Federación Galega de Asociacións de Instaladores Eléctricos e de Telecomunicacións (FEGASINEL).

En canto a FEDERGAL, o primeiro día de feira levará a cabo xornadas sobre o Esquema Nacional de Seguridade, por parte da Asociación Industriais Electricistas e de Telecomunicacións de A Coruña (ASINEC) e Audidat; sobre os cambios na lexislación laboral de 2024 e o seu efecto nas empresas, de man da Asociación Galega de Construción (AGALCO) e Balms Avogados, e tamén sobre a tramitación administrativa e requisitos técnicos aplicables ás instalacións de autoconsumo en Galicia, debullada por ASINEC. Ademais, a Asociación de Empresas do Cerramento de Galicia (ACEGAL) e Cortizo Sistemas falarán dos edificios de consumo case nulo e o estándar Passivhaus, e a Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción de Galicia (ASEMACO) e Attica Enerxía farán o propio coas estratexias innovadoras para maximizar a eficiencia corporativa, mentres que a Asociación Empresarial de Instaladores de A Coruña (AGASCA) e Rafer + Cesuga expoñerán os programas de formación gratuítos para toma de decisións nas empresas sobre ciberseguridade, dixitalización e intelixencia artificial.

Xa o segundo día AGASCA conducirá xornadas sobre aerotermia de alta e baixa temperatura para substitución de combustibles fósiles e respecto ao interese do asociacionismo, á vez que ACEGAL e Cristalería Ramos farano sobre as cámaras quentes. Así mesmo, ASEMACO e Elige Plus explicarán como afecta a chegada das grandes superficies aos almacéns de materiais para a construción, destacando as fortalezas antes eles e como potencialas. Sumarase a celebración da xunta directiva de ACEGAL, aproveitando o interesante marco que supón a feira para iso.

O sábado, último día do certame, celebrarase a asemblea de FEDERGAL e tamén unha xornada sobre as axudas e subvencións actuais e futuras na rehabilitación e reforma para a eficiencia enerxética e a descarbonización, na cal participarán responsables da Federación, Xunta de Galicia, Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

PROPOSTAS PARA INSTALADORES

Pola súa banda, a Federación Galega de Asociacións de Instaladores Eléctricos e de Telecomunicacións (FEGASINEL) tamén realizará dúas interesantes xornadas orientadas ao sector instalador.

Así, a primeira delas terá lugar o xoves 11 de abril e falará sobre conexións de subministracións e operativa UFD, mentres que a segunda celebrarase ao día seguinte e centrarase en infraestruturas de recarga de vehículo eléctrico.

Os sectores galegos da instalación e a rehabilitación reuniranse en Enerxétika´24
Comentarios