jueves. 02.05.2024

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) conclúe os actos de homenaxe ao economista Manuel Colmeiro y Penido, “Científico Galego 2023”. Será este luns coa colocación dunha placa na súa memoria. A placa colocarase no Parque das Ciencias de Santiago -ás 12:30 h-, onde a Academia xa ten homenaxeado a outros científicos ilustres da nosa comunidade.

O acto contará coa asistencia da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; Xan Duro, concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais; xunto a Olaya Otero e José Antonio Constenla, do Grupo Municipal do Partido Popular. Por parte da RAGC, participará o seu presidente, Juan Lema; e os académicos Manuel Freire, José Rivas, Senén Barro, Juan José Nieto e José Ramón Cancelo.

Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. Desde a RAGC salientan que “non só foi un académico sobresaínte, polifacético, fecundo e recoñecido, cunha obra que influenciou a múltiples economistas, xuristas e historiadores. Foi tamén unha forza de cambio económico e social en Galicia e España”.

Colmeiro naceu e viviu na cidade de Santiago case trinta anos, ata que marchou para Madrid. Na capital galega foi socio de mérito da Real Sociedad Económica de Amigos del País, onde formou parte de comisións que traballaron na reforma de pesos e medidas e o sistema monetario español, na renda do sal e nos estudos preliminares para establecer unha fábrica de sedas e algodóns na cidade. En Compostela tamén foi membro da Xunta Municipal de Beneficencia, na que deixou a súa pegada na comisión encargada de promover a construción de estradas na provincia.

 

A Real Academia Galega de Ciencias coloca unha placa homenaxe a Manuel Colmeiro,...
Comentarios