miércoles. 24.04.2024

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, á presentación da Rapa das Bestas de Sabucedo, un referente cultural en Galicia que une tradición co turismo e que reúne cada ano nesta parroquia da Estrada a veciños e turistas. No acto destacou a singularidade da festividade e a súa capacidade como reclamo turístico para atraer visitantes ao converterse nunha cita ineludible no calendario festivo do verán en Galicia.

Alfonso Rueda engadiu que estas celebracións contribúen a contar cunha oferta turística diferenciada, unha das fortalezas de Galicia como destino, xunto coa aposta por un turismo seguro e de calidade que está a permitir manter bos resultados de afluencia turística. De feito, sinalou que a mensaxe de Galicia como destino seguro e o traballo do sector permitiu pechar o mes de xullo cun 80% máis de viaxeiros que o ano pasado e resistir 20 puntos mellor que a media nacional respecto a 2019.

Ademais, confía en rematar o ano por riba dos 140.000 peregrinos, tendo en conta que día selan a Compostela unha media de 1.400 e se prevé chegar a finais de agosto aos 100.000, aos que hai que engadir outros moitos que fan o Camiño sen obter a credencial.

Por iso, o vicepresidente primeiro da Xunta animou a turistas e peregrinos e desfrutar da comunidade e as súas festas e tamén a camiñar a Galicia, ao destacar que facer o Camiño é unha oportunidade para descubrir a comunidade en contacto coa natureza como están a demandar os visitantes e de forma segura. Así, lembrou que dúas das rutas -o Camiño de Inverno e a Vía da Prata- conflúen na comarca do Deza e pasan por algúns dos seus principais recursos turísticos.

A Rapa das Bestas de Sabucedo volverá a celebrarse este ano despois do parón de 2020 debido á covid-19 e levarase a cabo con tódalas medidas de prevención para garantir unha celebración segura. Ata o domingo realizaranse varios curros onde os coñecidos como aloitadores cortaranlle as crinas e marcarán aos cabalos recollidos do monte para despois devolvelos ao mesmo lugar.

A celebración conta desde 2007 coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, a máxima distinción que ostentan 12 celebracións, ás que se suman outras 12 de Interese Turístico Nacional e 128 de Interese Turístico de Galicia. En total, máis de 150 festas en Galicia con algúns destes recoñecementos.

Alfonso Rueda sinalou o apoio da Xunta polas celebracións que como a Rapa das Bestas de Sabucedo contribúen a conservar as tradicións e os seus valores. O Goberno galego aporta este ano 40.000 euros para apoiar esta celebración organizada pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo.

Rapa das Bestas de Sabucedo