viernes. 19.04.2024

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece coas 'Medallas de Investigación' a cinco científicas e científicos galegos en activo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade de Vigo (UVigo). Esta distinción, que cumpre a súa cuarta edición, valora as traxectorias senlleiras e consolidades en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o 6 de outubro no Colexio de Fonseca en Santiago.

Jesús López Romalde, premiado en Bioloxía e Ciencias da Saúde

Jesús López Romalde (Ferrol, 1964) recibe a medalla Ánxeles Alvariño González, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC, “pola súa traxectoria científica e os logros obtidos en investigación e transferencia á sociedade neste eido”. É catedrático de  Microbioloxía e decano da facultade de Bioloxía da USC. Comezou estudando a microbioloxía de organismos acuáticos, incluíndo diferentes aspectos de patóxenos bacterianos e virais. Os seus descubrimentos permitiron o desenvolvemento de vacinas como medida de prevención da yernisiose en peixes; avances que foron aplicados de forma paralela a otros patóxenos de peixes e moluscos. Logrou cinco patentes de vacinas para peixes ou métodos de diagnóstico de patóxenos, destacando a súa contribución a salvar a continuidade da industria do rodaballo en Galicia, ao deseñar unha vacina que conseguiu erradicar a estreptococose nesta especie. Foi nomeado experto técnico para SARS-CoV-2 polos seus traballos sobre a detección do virus en augas residuales a nivel estatal.

Jesús Romalde.
Jesús Romalde.

“É unha gran honra recibir a Medalla de Investigación da RAGC, non só pola satisfacción persoal de ver recoñecida unha traxectoria científica de máis de 35 anos, senón porque constitúe un pulo para seguir a traballar arreo no ámbito da Microbioloxía, unha disciplina apaixonante cuxa importancia para a sociedade quedou demostrada durante a recente pandemia. Quero agradecer e compartir este recoñecemento coas persoas que fixeron posible que chegase ata aquí, especialmente á miña familia e aos integrantes do meu grupo de investigación na USC ao longo destes anos” -manifiesta-.

Ramón Máiz, premiado en Ciencias Económicas e Sociais

A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, destaca a traxectoria de Ramón Máiz Suárez (Tenerife, 1953), catedrático de Ciencia Política e da Administración da USC, “un dos politólogos máis importantes do noso tempo”. Entre as súas publicacións inclúense traballos senlleiros sobre temas como o nacionalismo e as institucións políticas en Galicia, a orixe do Estado moderno, o federalismo e a articulación territorial do poder, ou a influencia do pensamento de Sieyès para establecer a distinción entre nación e pobo. Firme defensor das Ciencias Sociais como un todo interconectado, influíu de maneira decisiva nos moitos estudantes de Ciencias Políticas e doutras disciplinas que asistiron ás súas clases, e moi especialmente nos autores das máis de trinta teses de doutoramento que dirixiu ao longo da súa carreira.

Ramon Maiz.
Ramon Maiz.

“Este recoñecemento merece  todo o meu emocionado agradecemento por proceder de tan prestixiosa institución e posúe unha débeda impagábel cos dous ámbitos colectivos nos que levo traballando toda a miña vida: o contexto de excelencia da Universidade da Santiago de Compostela e, moi especialmente, o equipo de Investigacións Políticas da USC” -sinala-.

Mª Ángeles Sanromán, recoñecida no campo das Ciencias Técnicas

A catedrática de Enxeñaría Química da UVigo Mª Ángeles Sanromán Braga (Cádiz, 1964) foi a elixida pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal “polos seus extraordinarios méritos como investigadora no campo da Enxeñaría Química, a súa capacidade de formación de mozos investigadores e polo impacto na contorna económico-social da transferencia dos seus resultados de investigación". Formada en Santiago, Birmingham e Berlín, mantén unha intensa actividade en eidos como o tratamento de efluentes, a rexeneración de solos contaminados ou os tratamentos electroquímicos. Puxo en marcha o Grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles da Uvigo -grupo de referencia internacional-, ademais do Máster Interuniversitario en Biotecnoloxía Avanzada. Ten participado en máis de 50 proxectos de investigación e na elaboración de sete patentes internacionais, formando parte do reducido grupo de investigadores incluídos na clasificación dos máis citados da prestixiosa Universidade de Stanford.

Ángeles Sanroman.
Ángeles Sanroman.

“Para mí este premio supone el reconocimiento a una trayectoria profesional dedicada a la aplicación de la Ingenieria Química en áreas como la Tecnología Medioambiental y la Biotecnología. Pero también es el reconocimiento a aquellos que en su día apostaron por mí y me animaron a tomar este camino tan apasionante. Por ello me gustaría compartirlo con los que a lo largo de mi trayectoria se han ido uniendo al grupo BIOSUV en la Universidad de Vigo y especialmente con mi familia” -destaca-.

Jorge Mira, medalla da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle ao catedrático de Electromagnestismo na USC Jorge Mira Pérez (Baio, 1968), “pola orixinalidade e calidade da súa traxectoria científica, con notables contribucións a un grande abano de disciplinas”. Autor duns 140 artigos en revistas de impacto internacional e 9 patentes e creacións rexistradas. Foi investigador en 43 proxectos autonómicos, nacionais e europeos; e investigador principal de máis dunha vintena de contratos e convenios. Coautor de traballos con científicos do talle do Premio Nobel John Goodenough, foi colaborador do Ministerio de Educación e Ciencia para a creación do Instituto Internacional de Nanotecnoloxía de Braga, membro do equipo encargado da predición da evolución da pandemia de Covid-19 para a Xunta de Galicia e membro da comisión de expertos do Goberno de España para a reforma da hora oficial. É académico correspondente da Real Academia Galega, membro do Consello da Cultura Galega e presidente da Comisión Deontolóxica do Colexio Oficial de Físicos de España.

Jorge Mira.
Jorge Mira.

“Síntome profundamente honrado por este recoñecemento da RAGC e invadido pola gratitude cara aos meus colaboradores ao longo destes anos, persoas brillantes coas que tiven o privilexio de compartir esforzos e aos que lles corresponde unha parte desta medalla” -apunta Jorge Mira-.

Isabel Pastoriza, medalla na sección de Química e Xeoloxía

Isabel Pastoriza Santos (Bueu, 1974) recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía. É profesora titular no Departamento de Química Física da Universidade de Vigo, “destacando a súa capacidade para deseñar e desenvolver importantes proxectos científicos, así como dirixir a mozos investigadores e participar activamente na xestión da Química en España”. Desde a Academia remárcase o seu traballo no campo do deseño das nanopartículas con actividade electrocatalítica durante máis de 20 anos, realizando contribucións relevantes na síntese de nanopartículas de ouro e prata mediante química coloidal. Ten conseguido nanopartículas con respostas ópticas sobresaíntes e tamén importantes logros no diagnóstico da COVID-19. Publicou máis de 42 artigos nas revistas científicas internacionais máis prestixiosas no eido da Química e puxo en marcha a Rede de Nanomedicina na nosa comunidade.

Isabel Pastoriza.
Isabel Pastoriza.

A premiada séntese “moi honrada por recibir esta distinción da RAGC. Como se recoñece a traxectoria científica, debo e quero compartir o premio con todas as persoas que me acompañaron e apoiaron ao longo da miña carreira investigadora, así como tamén coa Universidade de Vigo".

A RAGC recoñece a traxectoria de cinco científicas e científicos galegos
Comentarios