jueves. 02.05.2024

O presidente da Goberno, Alfonso Rueda, puxo en valor a autorización hoxe polo Consello da Xunta dun convenio de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e Cáritas Federadas en Galicia para o desenvolvemento dun proxecto piloto de arraigamento para a formación de persoas inmigrantes en situación irregular en sectores nos que precisan man de obra, “polo que vai facilitar que atopen neles un posto de traballo”.

O mandatario galego salientou que se trata dunha iniciativa pioneira que persegue un “obxectivo dobre”; que estas persoas poidan obter unha autorización de residencia e de traballo que facilite a súa integración sociolaboral e a regularización da súa situación, ao tempo que se contribúe tamén a facer fronte á escaseza de persoal en certos sectores do mercado laboral con “serios problemas” para atopar man de obra.

O obxectivo é que poidan obter unha autorización de residencia e de traballo, ao tempo que se contribúe a facer fronte á escaseza de man de obra en certos sectores do mercado laboral

Neste senso, explicou que só por participar neste programa de arraigamento para a formación, as persoas participantes poderán solictar a autorización de residencia. E, unha vez finalizada a formación, e presentado un contrato poderán pedir a autorización de residencia e traballo.

Rueda precisou que poderán beneficiarse persoas en situación irregular en España, cunha permanencia mínima de dous anos no país, sen antecedentes penais. Tamén avanzou que a Xunta investirá preto de 400.000 euros neste programa e no que se prevé que este ano participen inicialmente “entre 65 e 70” persoas inmigrantes en situación irregular.  

O acordo formalizarase tras a entrada en vigor o ano pasado do real decreto polo que se modificou o Regulamento da Lei orgánica sobre dereitos e liberdades das persoas estranxeiras en España e a súa integración social, co que tamén entrou en vigor a nova figura do arraigo para a formación. Deste xeito, aquelas persoas que residan en España en situación irregular e cumpran un compromiso efectivo de formación poderán obter unha autorización de residencia.

DESENVOLVEMENTO DO CONVENIO

O proxecto piloto está integrado por un itinerario de arraigo para a formación que arrancará coa captación de potenciais persoas participantes, coa prospección empresarial para determinar ámbitos de formación con maiores posibilidades de inserción laboral e coa selección das persoas beneficiarias. Posteriormente, elaboraranse itinerarios individualizados de arraigo para a formación nos cales deberán incluírse accións de diagnose, deseño, seguimento e acompañamento, así como accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades para o acceso e a permanencia no mercado laboral.

Seguidamente, o proxecto piloto inclúe a formación capacitante para obter a autorización de arraigo para a formación tendo en conta os resultados da prospección empresarial, a inserción laboral das persoas participantes, que deberá ser a través dun contrato de traballo relacionado coa familia profesional da formación recibida e acreditada no arraigo para a formación e, por último, o acompañamento e seguimento individualizado durante todo o proceso de arraigo para a formación, incluída a fase de inserción laboral.

No marco do convenio, a entidade Cáritas Federadas en Galicia comprométese a desenvolver todas as accións e funcións descritas e a poñer á disposición os recursos humanos e materiais precisos para a súa execución. Pola súa banda, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, alén de achegar preto de 400.000 euros para o obxecto do acordo, comprométese a facilitar a información de que dispoña relativa a ofertas de traballo non cubertas e aos perfís profesionais máis demandados.

COMPROMISO DA XUNTA

No eido da formación, a iniciativa enmárcase nos programas levados a cabo pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, nomeadamente a través da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, co fin de impulsar a formación de cara á consecución dun traballo estable e de calidade e, ao tempo, cubrir as vacantes existentes no mercado laboral.

En referencia a novos traballadores procedentes do exterior, cómpre mencionar a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, na cal se enmarca a Estratexia Cualifica Retorna, que favorecerá o regreso de centos de galegos cun contrato de traballo indefinido buscando conectar as vacantes laborais con perfís altamente cualificados doutros países.

Un proxecto pioneiro para formar a persoas inmigrantes en situación irregular en...
Comentarios