domingo. 26.05.2024

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará o vindeiro luns, 15 de abril, o acto de ingreso de Antón Costas Comesaña (Vigo, 1949), actual presidente do Consejo Económico y Social de España, como académico correspondente da sección de Ciencias Económicas e Sociais da institución. Será no compostelán Pazo de San Roque, ás 19:00 horas. O economista pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “Caminos para hacer frente a los nuevos desafios económicos y construir un nuevo contrato social: diálogo, negociación y consenso”, que será contestado en nome da RAGC polo académico Alberto Gago Rodríguez, catedrático de Facenda Pública da Universidade de Vigo.

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos, así como o presidente da Comisión de Economía, Comercio y Transformación Digital no Congreso dos Deputados, Pedro Puy; a deputada do Grupo Parlamentario do BNG Iria Carreira; os deputados do Grupo Parlamentario do PSdG-PSOE José Ramón Gómez Besteiro e Julio Abalde; o director da Área de Xestión de Gain, Benito Fernández; o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; xunto a outros representantes de institucións políticas, económicas, empresariais, culturais e académicas galegas e familiares do homenaxeado.

Antón Costas avoga por un contrato social centrado nos bos empregos

Antón Costas graduouse primeiro como enxeñeiro técnico industrial na Universidade de Vigo, para licenciarse posteriormente en Economía na Universidade de Barcelona, onde se doutorou. Na súa tese de doutoramento interesouse polo pensamento e a política económica liberal do século XIX. Foi profesor titular de Política Económica da Universidade de Barcelona e, desde 2005, é catedrático de Política Económica da UB.

Os seus intereses enfócanse nos procesos de formación das políticas públicas e, de xeito particular, nos procesos de reforma económica. Os seus libros e ensaios recentes analizan as crises económicas, o futuro do capitalismo e a democracia, así como a necesidade dun novo contrato social centrado nos bos empregos. Entre as súas publicacións destacan La crisis de 2008: de la Economía a la Política y más allá (2010); La Torre de la arrogancia. Políticas y Mercados después de la crisis (2013); El final del desconcierto. Un contrato social para que España funcione (2018); La nueva piel del capitalismo (2016); ou Los laberintos de la prosperidad (2022).

Participa activamente no debate público como ensaísta e conferenciante. É columnista de El País, La Vanguardia e El Periódico de Cataluña. Ten asesorado a gobernos sobre políticas públicas, foi conselleiro de varias empresas e presidiu o Círculo de Economía de Barcelona entre 2013 e 2016. É conselleiro nato do Consejo de Estado e, desde 2021, presidente do Consejo Económico y Social de España.

O presidente do Consejo Económico y Social de España, Antón Costas, ingresa na RAGC
Comentarios