viernes. 26.04.2024

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na entrega de premios do VII Campionato de Sumillería Suso Domínguez, organizado polo pontevedrés CIFP Carlos Oroza. O centro dedicou esta edición, denominada Sumillería en Feminino, ás mulleres, ademais de darlle protagonismo aos viños espumosos galegos e portugueses.

Na súa intervención, a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou que o CIFP Carlos Oroza “é un centro modelo, dos primeiros en apostar pola FP dual e do que cada ano saen uns 400 alumnos das diferentes especialidades”. “Este –engadiu– é un centro comprometido coa innovación, a través da que se leva a cabo a necesaria transferencia de coñecemento entre centros e empresa, e viceversa”. Neste sentido, quixo agradecer “o labor do equipo directivo e, por suposto, a implicación e o esforzo continuo do profesorado que, con iniciativas como a que hoxe nos ocupa, configuran un centro vivo e dinámico”.

A conselleira sinalou, ademais, que certames como o que se vén de celebrar no CIFP Carlos Oroza son un exemplo de boas prácticas docentes “e do aproveitamento de sinerxías e dunha moi necesaria e frutífera colaboración, entre centros e distintas administracións, a favor do obxectivo común do que antes lles falaba, o achegamento da formación á realidade sociolaboral”.

Carmen Pomar lembrou que “nos últimos anos Galicia creou un modelo de Formación Profesional sólido, forte e cunha oferta diversificada e vinculada ao territorio”. Grazas a esta transformación, explicou, “a FP é hoxe unha vía para acadar formación de alto nivel en diversos sectores e unha ponte ao emprego. A formación que centros como o CIFP Carlos Oroza proporcionan á mocidade é garantía de futuro e desenvolvemento”.
No certame, dedicado a un profesor do CIFP xa falecido, participaron varios centros de Galicia, en concreto o CIFP Manuel Antonio (Vigo), o CIFP Compostela (Santiago de Compostela), o CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), o propio CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), o IES Vilamarín (Vilamarín), o IES de Foz (Foz), o IES Fragas do Eume (Pontedeume), e a Fundación Belarmino Fernández (Sober). Competiron tamén no concurso alumnas e alumnos de centros de Portugal (Escola de Hotelería e Turismo de Viana do Castelo, EHT Douro-Lamego, EHT Coimbra e EHT Porto), de Castela e León (CIFP Felipe VI, de Segovia, e IES Diego de Praves, de Valladolid), unha escola de Malta e outra de Finlandia.

REDE DE FP DE HOSTALARÍA

O CIFP Carlos Oroza é un referente na impartición de ciclos das familias de Hostalaría e turismo e Industrias alimentarias, dos que oferta preto dunha decena de títulos. Ademais, leva anos desenvolvendo proxectos de FP Dual, de feito este ano abriu matrícula para un no ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos.

O centro forma parte, ademais, da Rede galega de Formación Profesional de Hostalaría de Galicia, un espazo para a innovación e o intercambio de experiencias, de tal forma que favoreza o impulso dun sector que é clave para a economía de Galicia. A Rede busca, neste sentido, dotar o sector de capital humano cualificado, como estratexia para acadar o liderado nacional e internacional.

A Rede integra aos oito centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional desta especialidade formativa, en concreto os CIFPs Paseo das Pontes (A Coruña), Compostela (Santiago de Compostela), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo); ademais dos IES Fraga do Eume (Pontedeume), de Foz (Foz), Sanxillao (Lugo), e de Vilamarín (Vilamarín)

O traballo da Rede busca un maior achegamento da formación e unha maior transferencia de coñecemento desde o centro á empresa, o que redundará nunha mellor resposta ás demandas do sector; impulsar os proxectos de innovación e o intercambios de experiencias empresariais e profesionais.

Pomar sinala o CIFP Carlos Oroza como un centro modelo e destaca a súa implicación na...