sábado. 14.03.2026

A Real Academia Galega (RAG) celebrará a vindeira semana o Día da Poesía 2026 cunha homenaxe á escritora María Xosé Queizán (Vigo, 1939), unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea e referente do pensamento e da práctica feminista.

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) acollerá o martes 17 de marzo, ás 18.30 horas, un recital no que unha ducia de escritoras e escritores dialogarán cos versos da autora viguesa. A académica Margarita Ledo será a encargada da loanza de Queizán, mentres que Uxía porá a música ao encontro.

O acto será inaugurado polo presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e pola directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre. A entrada será libre ata completar a capacidade da sala e o evento poderá seguirse tamén en directo a través da web academia.gal. A cita está organizada co apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello de Vigo.

Durante o recital, Rexina Vega, Marga do Val, Manuel Forcadela, Fina Casalderrey, Andrea Nunes, Elvira Ribeiro, Pepe Cáccamo, Ana Romaní, María Reimóndez, Camiño Noia, Míriam Ferradáns e Xavier Baixeiras lerán unha escolma de poemas de Queizán recollida na plaquette conmemorativa titulada “María Xosé Queizán. A escrita sen límites”.

O público asistente será agasallado con esta publicación, editada pola académica Ana Romaní, que inclúe tamén comentarios e reflexións das voces participantes, testemuño da admiración que suscita unha escritora pioneira que, en palabras de Margarita Ledo, “trae a experiencia das mulleres para o centro da trama”.

María Xosé Queizán presentouse no mundo literario como novelista con apenas 26 anos, coa publicación de A orella no buraco (1965), unha obra de referencia da Nova Narrativa Galega que introduciu na nosa literatura os principios do Nouveau Roman. Como ensaísta irrompeu en 1977 co libro A muller en Galicia, considerado pioneiro no pensamento feminista galego.

Ao longo da súa traxectoria cultivou distintos xéneros literarios e promoveu iniciativas culturais como a revista feminista Festa da Palabra Silenciada, que dirixiu entre 1983 e 2014.

No ámbito poético, no que se centrará a homenaxe do vindeiro martes, Queizán debutou con Metáfora da metáfora (1991), publicado cando xa superaba os 50 anos. Posteriormente chegarían Despertar das amantes (1995) e Fóra de min (1995), reunidos xunto ao primeiro en Non o abras como unha flor (Poesía reunida. 1980-2004), e xa no novo século Cólera (2007) e Lesbiar (2015).

Con este recital, a Real Academia Galega reivindica a obra dunha autora clave da literatura e do feminismo galego, cuxa escrita continúa a ser unha referencia para distintas xeracións de lectoras e lectores.

A Real Academia Galega celebrará o Día da Poesía cunha homenaxe a María Xosé Queizán
Comentarios