viernes. 26.04.2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na súa visita á unidade de saúde mental de Ponteareas, que co persoal de psiquiatría, psicoloxía e enfermaría especialista que vén de incorporarse a este concello, a Xunta chega xa aos 117 novos profesionais da saúde mental contratados desde que o Executivo galego puxo en marcha o Plan de Saúde Mental 2020. 

Tal e como subliñou o titular da carteira sanitaria, dende comezos de abril xa está a traballar un equipo multidisciplinar de atención á saúde mental neste centro de saúde, para dar atención a toda a poboación adulta das comarcas de O Condado e A Paradanta. Trátase, -dixo o máximo responsable do Sergas-, da cuarta unidade de saúde mental ambulatoria para adultos que a Xunta pon en marcha dende que se aprobou o Plan de Saúde Mental, a mediados do ano 2020. A primeira foi en Tui, logo outra en Ordes, e unha terceira en Oleiros.

García Comesaña remarcou que o centro de saúde de Ponteareas estase a converter nestes días nun exemplo de tres prioridades da Xunta de Galicia, o reforzo dos recursos de saúde mental, o esforzo por atopar novos profesionais para cubrir o servizo de atención primaria, e a vontade de modernización das infraestruturas sanitarias.

CONTRATACIÓN Y POTENCIACIÓN EN PRIMARIA

Segundo explicou o conselleiro, os novos 117 profesionais contratados pola Xunta están nas unidades de saúde mental para adultos; nas novas unidades de prevención do sucidio, unha delas na área de Vigo; nas dúas unidades de saúde mental infanto-xuvenil postas en marcha, unha delas tamén na área de Vigo; nos tres hospitais de día infanto-xuvenís que xa están a funcionar, o primeiro deles en Vigo; no reforzo dos programas de saúde mental en hospitalización a domicilio ou sociosanitarios, para atender aos pacientes nas súas casas ou nas residencias; ou nos programas de psicoloxía de enlace en primaria e hospital.

Remarcou, así mesmo, que a Xunta quere contratar aínda máis persoal, ata chegar ao obxectivo do Plan que é de 241 novos profesionais no ano 2024. A tal efecto, o Goberno galego construirá unha nova unidade de hospitalización de saúde mental infanto-xuvenil de agudos dentro do Hospital Álvaro Cunqueiro. Ademais, o Sergas considera necesario reforzar a atención aos problemas de saúde mental na infancia e adolescencia e decidiu que unha soa unidade de ingreso en Santiago non era suficiente, e estima que hai que crear outra para o sur de Galicia. Xa está feito o proxecto construtivo desta nova unidade e, neste mes, -remarcou o conselleiro-, o Goberno galego quere licitar as obras para habilitar esa unidade e dotala de 12 novos profesionais.

García Comesaña sinalou, igualmente, que o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 permitiu crear neste centro sanitario catro prazas, dúas de medicina, unha de enfermería e unha de matrona e, hoxe mesmo, incorpórase un odontólogo que cubrirá unha segunda praza de odontoloxía que estaba vacante. Xunto ao anterior, a Xunta publicou recentemente a convocatoria de 106 prazas para a especialidade de medicina familiar e comunitaria, das que tres son neste centro de saúde de Ponteareas, unha na quenda de mañá e dúas na de tarde, co que, neste ano, o conselleiro agarda incorporar a estes tres novos facultativos.

INFRAESTRUCTURAS

Ademais do incremento de profesionais, a Xunta considera fundamental a renovación das infraestruturas sanitarias, e unha desas actuacións que está a priorizar é a dun novo centro de saúde para Ponteareas que superará os 5.000 metros cadrados, un 80% máis que o actual, co que se incrementarán en oito as consultas de adultos, en dúas as pediátricas e en catro as do Punto de Atención Continuada. O conselleiro sinalou que o persoal técnico do Sergas xa visitou e avaliou as parcelas que se lle propuxeron e agarda que o concello faga o ofrecemento formal dunha delas para iniciar o proceso.

Plan de saúde mental de Galicia