viernes. 29.03.2024

Os titulares de negocios de lecer nocturno que optaron por pechar os seus establecementos o pasado fin de ano poderán optar a axudas extraordinarias de entre 2.500 e 45.000 euros en función das dimensións do local. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do programa de apoio dotado con 3,5 millóns de euros.
Tal e como recolle o DOG, terán dereito a acceder a estas axudas directas os empresarios do ocio nocturno que comunicaran previamente á Xunta a súa decisión de suspender a súa actividade entre as 00.00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 03.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022, conforme ao establecido na orde da Consellería de Sanidade (DOG, 29 de decembro) ante a situación acadada pola pandemia nesas datas.

As axudas acordadas co sector suporán contías que varían en función da superficie dos establecementos. Así, para os locais de ocio nocturno que decidan pechar, prevense apoios de 2.500 euros se teñen de menos de 100 metros cadrados; 5.500 euros para os que teñan entre 100 a 250 metros cadrados; 9.000 euros para os de 250 a 500 metros; 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros; 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000 metros; e un total de 45.000 euros para os grandes establecementos, con máis de 2.000 metros cadrados.

A Xunta calcula que un total de 700 establecementos -discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas e de concertos- poidan adherirse aos apoios que se financiarán con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

A situación provocada pola covid-19, agravada en decembro de 2021 pola alta taxa de contaxios e a velocidade da propagación, obrigou ás autoridades sanitarias galegas a artellar medidas extraordinarias para minimizar o impacto económico e apoiar o mantemento do emprego nunha das actividades máis afectadas, os establecementos de lecer nocturno. Por este motivo deseñouse un programa extraordinario de axudas para os negocios que optaron por acollerse á suspensión da actividade sen ter adiantado ou atrasado as festas e eventos previstos nesas datas.
A concesión da axuda realízase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario. O prazo de solicitude ábrese mañá e estará vixente ata o próximo 15 de marzo.

O lecer nocturno poderá optar a axudas