domingo. 28.04.2024

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a  nova convocatoria, promovida pola Secretaría Xeral da Emigración, das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME Máster), cuxa octava edición supón un novo incremento na dotación económica asignada cun aumento de 500 euros nas contías asignadas a cada unha das 250 axudas.

O incremento elevará o orzamento total desta medida ata os 2.550.000 euros, 250.000 máis (+10,87%) ca na anterior convocatoria. Este aumento, que varía en función da duración do mestrado e da orixe xeográfica dos beneficiarios, busca compensar os efectos da inflación global e fortalecer o atractivo das bolsas para os titulados galegos de alto rendemento académico residentes no estranxeiro.

As axudas, que sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, aumentan en 500 euros, ata acadar bolsas de entre 8.000 e 12.500 euros, en función da duración do mestrado e o continente de procedencia do beneficiario

Estas cifras pon de manifesto o crecente esforzo financeiro da Xunta de Galicia para apoiar a educación superior e o retorno cualificado.

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia Retorna 2023-2026, recentemente aprobada polo Goberno Galego, cuxo obxectivo é facilitar a integración e fixación da poboación galega cualificada procedente do exterior na comunidade autónoma.

Ademais do apoio financeiro, os beneficiarios das bolsas contarán cunha orientación laboral personalizada. Esta axuda adicional ten como finalidade fomentar o retorno activo da poboación en idade laboral e facilitar a súa integración definitiva en Galicia, co respaldo dunha oferta académica alineada coas necesidades do tecido produtivo e laboral da nosa Comunidade Autónoma.

O obxectivo destas bolsas é que estas mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria o que lles podería permitir quedar a traballar e vivir en Galicia. “Ao darlle un apoio económico durante o tempo que complementan a súa formación poden irse adaptando ao mercado laboral mentres realizan o máster e conseguir así posteriormente un emprego ou crear a súa propia empresa”, explicou Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración. 

A Secretaría Xeral da Emigración destinará máis de 2,5 millóns a esta medida, incluída na Estratexia Retorna 2023-2026 e que con esta nova convocatoria terá ofrecido preto de 2.000 oportunidades de retorno a través dunha bolsa

Todas e todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos  e  mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

REQUSITOS 

As e os beneficiarios da iniciativa deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar matriculado nalgún dos mestrados das universidades galegas ofertados na convocatoria.

A bolsa, cuxo importe é de 8.000 ou 12.500 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial.

Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido dende 2017, incluíndo as equivalentes de FP, a posibilidade de retornar a un total de 2.000 mozas e mozos galegos do exterior no ámbito universitario. 

Os interesados e interesadas teñen ata o próximo 30 de abril para presentar a súa solicitude. Toda a información pode consultarse na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración.

Nova convocatoria de 250 bolsas BEME de máster en Galicia para mozos galegos residentes...
Comentarios