sábado. 07.12.2024

Cristina Fernández -primeira muller fareira de Galicia e segunda de España-, a Asociación Íntegro e a Fundación María José Jove, recibirán as Medallas Emilia Pardo Bazán na cuarta edición destes premios. O xurado vén de fallar estes galardóns cos que a Xunta recoñece o labor de todas elas para construír unha sociedade máis equitativa baseada nos principios de igualdade de oportunidades, xustiza e solidariedade.

Cristina Fernández foi recoñecida cunha das medallas deste ano pola súa traxectoria profesional, como primeira fareira de Galicia e segunda de España. Esta muller leva 48 anos como gardiá do faro de Cabo Vilán, o primeiro que funcionou con luz eléctrica en todo o Estado, e que está situado nun dos puntos de navegación máis complicados na Costa da Morte. Fernández é fareira desde 1977 tras aprobar en 1972 a primeira oposición na que puideron tomar parte as mulleres.

A asociación Íntegro de Cabana de Bergantiños (A Coruña), pola súa banda, resultou distinguida polo seu traballo con mulleres con discapacidade en favor da inclusión social e a igualdade. A entidade conta trinta anos de traxectoria e dispón dun centro de día e outro de carácter ocupacional. A misión que desenvolve na Costa da Morte destaca polo seu compromiso social, a igualdade, a defensa dos dereitos, a participación social ou a mellora continua, entre outros valores. Entre as súas iniciativas, desenvolve desfiles de moda inclusivos, programas de fomento da empregabilidade, de empoderamento para as mulleres e conta cun centro especial de emprego. Íntegro conta co recoñecemento como Entidade de Utilidade Pública. O xurado valorou positivamente a integración nos seus programas da perspectiva de xénero de xeito transversal. Tamén o establecemento de medidas de conciliación entre o seu persoal, integrado nun 87,5% por mulleres.

No caso da Fundación María José Jove, a Medalla Pardo Bazán quere poñer en valor o traballo que desenvolve con menores expostos a situacións de violencia de xénero que ten como un dos seus eixos principais o desenvolvemento de terapia con animais (cans) nas áreas metropolitanas de Betanzos, Curtis, e Cambre, na provincia da Coruña. Trátase de crear un ambiente de seguridade para que os e as menores poidan relatar as súas vivencias e facer unha aprendizaxe emocional. A entidade desenvolve unha experiencia piloto a nivel estatal de acompañamento xudicial asistido con cans desde o ano 2019. A intervención coas rapazas e rapaces que sofren violencia de xénero pretende paliar as consecuencias e/ou alteracións producidas por esas vivencias. Desde o ano 19 atendeuse a través deste programa a 85 menores. A Fundación María José Jove nacida en memoria de María José Jove, tras o seu falecemento en 2002, está presidida por Felipa Jove, considerada unha das 100 mulleres máis influíntes de Galicia.

DESDE 2019

As Medallas Emilia Pardo Bazán foron creadas pola Xunta de Galicia en 2019 para o recoñecemento de accións relevantes desenvolvidas na comunidade a favor da igualdade entre mulleres e homes. Concédense cada ano tres condecoracións, todas elas de carácter exclusivamente honorífico. Poden ser destinatarias persoas ou colectivos, entidades ou institucións de carácter público e privado.

Os galardóns permiten realizar un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia en favor da igualdade efectiva, á vez que contribúen á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres e para que se recoñeza a traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria.

Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán, muller precursora na defensa dos dereitos das mulleres e do feminismo e reivindicadora da educación das mulleres, ideas que trasladou á súa obra literaria.

A entrega de premios terá lugar o 16 de setembro, coincidindo co aniversario do nacemento da escritora.

Medallas Emilia Pardo Bazán á Asociación Íntegro, á Fundación María José Jove e a...
Comentarios