jueves. 02.05.2024

O matemático Eduardo García Río ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá mércores, 13 de decembro, o acto de ingreso de Eduardo García Río (San Salvador de Abeancos – Melide, 1965), catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago, como académico numerario da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da institución. Será no compostelán Pazo de San Roque, ás 19:00 horas. O investigador pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “Curvatura e simetría”, que será contestado en nome da RAGC polo académico Juan José Nieto Roig, catedrático de Análise Matemática da USC.
Eduardo Garcia del Río.
Eduardo García Río.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá mércores, 13 de decembro, o acto de ingreso de Eduardo García Río (San Salvador de Abeancos – Melide, 1965), catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago, como académico numerario da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da institución. Será no compostelán Pazo de San Roque, ás 19:00 horas. O investigador pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “Curvatura e simetría”, que será contestado en nome da RAGC polo académico Juan José Nieto Roig, catedrático de Análise Matemática da USC.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos, así como a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Irene Bonome; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a valedora da Comunidade Universitaria da UDC, Ana Dorotea Tarrío; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; o presidente da CiUG, Iván Area; a vicepresidenta primeira da Real Sociedad Matemática Española, Victoria Otero; o presidente da Área de Matemáticas da Agencia Estatal de Investigación, Eduardo Liz; a directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia -CITMAga-, Rosa Crujeiras; e o comandante director da Escola Naval de Marín, Pedro Cardona; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.

O seu labor investigador céntrase no estudo da curvatura

Eduardo García Río doutorouse en Matemáticas na Universidade de Santiago en 1992. Dous anos despois obtivo a praza de Profesor Titular no Departamento de Análise Matemática, onde desempeñou o seu labor docente e investigador ata o ano 2000, momento no que solicitou o cambio á Área de Xeometría e Topoloxía. Desde 2010 é catedrático de Xeometría e Topoloxía na USC.

Realizou estadías de investigación, entre outras, na Universidade Católica de Lovaina (Bélxica), na Universidade de Kioto (Xapón), Universidade Cornell (Nova York), Instituto Internacional Erwin Schrödinger de Matemáticas e Física (Austria) ou na Universidade Técnica de Berlín (Alemaña). Na actualidade, o seu campo de traballo encádrase na Análise Xeométrica, sendo coordinador da Red Española de Análisis Geométrico e membro do comité editorial das revistas The Journal of Geometric Analysis e Differential Geometry and Its Applications.

É catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago e coordinador da Red Española de Análisis Geométrico

O seu labor investigador céntrase no estudo da curvatura. Ten publicado máis de 150 artigos en revistas científicas internacionais do eido matemático, sendo autor de máis de 7 libros e coeditor doutros 4 estreitamente relacionados con este tema. Dirixiu máis dunha ducia de teses de doutoramento e foi investigador responsable de numerosos proxectos de investigación desde o ano 1998. Con frecuencia é convidado a impartir conferencias en congresos nacionais e internacionais de todo o mundo.

Colabora coa Agencia Estatal de Investigación, onde foi coordinador da súa área de Xeometría e Topoloxía entre 2018 e 2022. É avaliador da actividade científica de distintas axencias internacionais como a Fundación de Investigación-Flandes (Bélxica), Fondo Italiano para a Ciencia, Fondo Austríaco para a Ciencia ou a Royal Society de Londres. Ademais, no período 2010-2014 foi director do Instituto de Matemáticas da USC, un dos xermes do actual Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), do que é un dos seus membros garantes. 

 

 

 

O matemático Eduardo García Río ingresa na Real Academia Galega de Ciencias
Comentarios