lunes. 29.04.2024
A debate no V congreso medios de Comunicación e Igualdade de xénero da APG

A intelixencia artificial como ferramenta para fomentar a igualdade

Será inaugurado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo, o reitor da USC, Antonio López, e a presidenta da APG, María Méndez. O foro reunirá a destacadas expertas na materia como Idoia Salazar, Miren Gutiérrez, Violeta Molina, Raquel Holgado ou Carolina González. Organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC

 

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo López, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, inaugurarán mañá, martes 28 de novembro, ás 10,00h, o V Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero, que nesta edición leva por título “Intelixencia artificial: unha ferramenta para a igualdade?”.

O foro, que terá lugar ao longo da mañá no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, contará coa intervención de relatoras expertas e especializadas en IA, como Idoia Salazar García, presidenta e fundadora do Observatorio del Impacto Social y Ético de la Inteligencia Artificial OdiseIA; Miren Gutiérrez Almazor, investigadora principal de ARES, da Universidade de Deusto; Violeta Molina Gallardo, correspondente de Xénero da Agencia EFE e gañadora do V Premio de Periodismo contra la Violencia de Género da Fundación Aliados por la Integración; Raquel Holgado, redactora de Tecnoloxía do xornal 20 Minutos; ou Carolina González Valenzuela, redactora da publicación Computer Hoy.

Canda elas, tamén, Gabriela Bouret e Natalia Louzau, xefa de Análise de Datos e xornalista -respectivamente-, de La Nación Data do xornal arxentino La Nación (primeiro xornal que anunciou a creación de dúas ferramentas dixitais para tratar de promover a igualdade de xénero e dar cobertura a temas sensibles como o acoso, o suicidio, o bullying ou a diversidade); Raúl Romar García, responsable de Ciencia do xornal La Voz de Galicia; e Rosa Vilas Núñez, adxunta ao director xeral da CRTVG.   

O Congreso, con entrada libre para o público e cuxos presentadores/moderadores serán profesores e alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, servirá tamén para coñecer as accións desenvolvidas pola Administración autonómica para intentar mitigar a desigualdade, o acoso e a violencia de xénero a través das novas tecnoloxías, da man da secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez Domínguez. E a encargada de clausurar o foro, a partir das 14,00h, será a decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade compostelá, Ana Isabel Rodríguez, á que acompañará a presidenta da APG, María Méndez.

programa cartel IA

A intelixencia artificial como ferramenta para fomentar a igualdade
Comentarios