jueves. 28.03.2024

A integración paisaxística das instalacións dos máis de 120 portos galegos

 Convocouse esta semana a comisión de seguimento integrada polos tres organismos que, en virtude dun convenio asinado en xuño do ano pasado, se encargan da súa elaboración: o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Portos de Galicia, adscrito á Consellería do Mar; e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos.
10,00 h.-            O director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, reuniranse para falar da Guía de boas prácticas para a mellora da integración paisaxística das instalacións portuarias.   

foto xoán crespo
10,00 h.- O director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, reuniranse para falar da Guía de boas prácticas para a mellora da integración paisaxística das instalacións portuarias. foto xoán crespo

A Xunta de Galicia avanza na redacción da nova Guía de recomendacións básicas e boas prácticas para a integración paisaxística das instalacións dos máis de 120 portos autonómicos que hai na Comunidade. A previsión é que o documento se publique este mesmo ano.

A tal fin, convocouse esta semana a comisión de seguimento integrada polos tres organismos que, en virtude dun convenio asinado en xuño do ano pasado, se encargan da súa elaboración: o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Portos de Galicia, adscrito á Consellería do Mar; e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos.

A futura guía xa está nunha fase avanzada da súa redacción tras consensuarse nesta última xuntanza as súas bases técnicas definitivas. Esta ferramenta está chamada a ter un importante papel no desenvolvemento das políticas da Xunta en materia de deseño e coidado das instalacións e edificacións portuarias e para buscar a mellor integración tanto das xa existentes como das de nova construción coa paisaxe marítima e a fisionomía das vilas e cidades nas que se localizan.

Neste sentido, o director do IET, Enrique de Salvador, destacou que a nova publicación servirá como documento de consulta e asesoramento en canto á recomendación das xeometrías, deseños, materiais e cores a empregar nas zonas portuarias da Xunta.

Ademais, a mellora destes espazos permite dotar tamén dunha paisaxe integrada e de excepcional valor ás diferentes edificacións que se atopan nas dársenas e nos terreos anexos ou auxiliares vinculados ao amplo abano de actividades —lonxas, talleres, almacéns, cafeterías, etc.— que se desenvolven no eido portuario galego, coa conseguinte mellora na calidade de vida dos seus usuarios e traballadores.

Do mesmo xeito, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, tamén destacou a necesidade de coidar o litoral galego, no que os portos son un polo fundamental da actividade económica da costa. Por iso é vital integrala coa paisaxe e compatibilizar construcións necesarias que sexan respectuosas co espazo natural e urbano no que se sitúan así como procurar a mellora paulatina das xa existentes.

Cun investimento total de preto de 40.000 euros, a futura Guía para a integración paisaxística das instalacións portuarias da Xunta será un dos manuais de boas prácticas que se edite no marco da Colección Paisaxe Galega, un compendio de publicacións técnicas impulsado no ano 2012 polo IET para abordar temáticas paisaxísticas concretas e que teñen o fin de establecer nocións comúns e recomendacións sobre a integración coa contorna en diferentes campos.

Unha vez publicado, o documento estará dispoñible para a súa consulta e descarga por parte de calquera persoa ou institución interesada en coñecer o seu contido a través dos portais web do IET e de Portos de Galicia.

Por último, cómpre lembrar que no marco da Colección Paisaxe Galega tamén están en fase de redacción a Guía de boas prácticas sobre deseño e instalación de cartelería, a de boas prácticas para a integración na paisaxe das instalacións de abastecemento, e a de recomendacións básicas para a integración paisaxística de parques empresariais.

A integración paisaxística das instalacións dos máis de 120 portos galegos