sábado. 27.04.2024

Na segunda edición da publicación da Valedora do Pobo, Falamos de Feminismo, queda de manifesto o impacto de xénero por mor da pandemia da Covid e a necesidade de que esta catástrofe non supoña un retroceso no nivel de igualdade acadado entre mulleres e homes. O mesmo acontece coa integración dos avances logrados nas políticas públicas de reconstrución e no Dereito. Estes asuntos están entre os principais leiv motiv da publicación que tamén se pode consultar e ler a través da páxina web da institución.

A obra plasma as aportacións de especialistas recollidas entre agosto de 2020 e agosto de 2021. En opinión da Valedora, Dolores Fernández Galiño, “Falamos de Feminismo pretende ser, máis que nunca, un punto de encontro para situar a igualdade de xénero na corrente central de todas as relacións sociais e no centro de todas as políticas públicas”, de xeito que “as aspiracións, necesidades e preocupacións das mulleres, sexan atendidas na mesma medida que as aspiracións, necesidades e preocupacións dos homes”.

Nesta segunda edición, a publicación aborda temas de máximo interese e actualidade como a discriminación mútiple das mulleres con discapacidade; a violencia de xénero contra as mulleres trans; a fibromialxia como enfermidade invisible do xénero feminino; o matrimonio xitano; a conciliación, a corresponsabilidade e as personas coidadoras; os fillos menores como instrumento da violencia machista; o “caso Maruxaina”; as mulleres rurais; o stealthing; ou o Essure.

Ademais, o libro compila os artigos galardonados e finalistas na primeira edición do “Premio Valedora do Pobo en Materia de Igualdade” aos mellores traballos fin de grao e fin de máster, obra de Amada García Adán (Inxustiza epistémica e argumentación xurídica. Especial atención nos casos de violación), Ángela Fernández Dasilva (As políticas de igualdade de xénero na Universidade: o caso de Galicia), Sabela Pérez Martín (Unha realidade silenciada: a violencia machista institucional) e Noelia Álvarez Estévez (Análise da representación das mulleres nos libros de FOL a través da revisión bibliográfica).

Falamos de Feminismo é un espazo creado en setembro de 2019 para difundir o dereito á igualdade entre mulleres e homes, pioneiro entre as institucións de defensa dos dereitos humanos, para abrir o espectro da problemática da igualdade e amplía a ollada a eidos pouco tratados con vontade divulgativa á par de rigorosa.

A través dos artigos e opinións de persoas expertas achéganse os seus puntos de vista sobre cuestións relacionadas coa cultura da igualdade, de tal xeito que no conxunto dos volumes I e II recóllense todos os traballos publicados entre 2020 e 2021, en total 66 artículos, 52 colaboradoras e colaboradores de Galicia, do resto do Estado e doutros países que representan diferentes ámbitos da xustiza, da docencia, da literatura especializada, da socioloxía, dos movementos sociais, ou asociacións profesionais.

No conxunto das dúas edicións pódense atopar reflexións de máxima actualidade que abordan unha ampla temática dos asuntos que marcan a axenda feminista, como o papel das mulleres no desenvolvemento sostible, a problemática dos coidados, as obrigas do Estado respecto das vindicacións do 8 de marzo, a histórica exclusión das mulleres artistas, a utilización das fillas e fillos como instrumento da violencia machista, o acoso sexual ou a multidiscriminación das mulleres por mor de maior idade, razón étnicas, saúde mental ou discapacidade.

Tamén foron obxecto de atención as fendas salarial e dixital, os problemas para a conciliación familiar, as dificultades específicas das mulleres investigadoras, a problemática das traballadoras do mar e do rural, as consecuencias da pandemia nas situacións de vulnerabilidade para as mulleres, a dificultade da protección internacional de estranxeiras vítimas da trata sexual, o ciberacoso, ou sentenzas que xeraron debate e da necesidade de perspectiva de xénero nos distintos ámbitos da xustiza, son obxecto de contextualización, explicación ou debate nas diferentes colaboracións.

"A igualdade de xénero na corrente central de todas as relacións sociais e no centro de...
Comentarios