A Igrexa galega presentou este xoves en Santiago de Compostela a súa Memoria de Actividades correspondente ao ano 2023, nun acto público celebrado no Hotel Oca-Porta do Camiño. O evento reuniu aos bispos das dioceses galegas, entre eles a monseñor Antonio Valín, así como a representantes de diversas vicarías e delegacións, autoridades civís, militares e académicas, e medios de comunicación. Ao remate do acto, entregouse a todos os participantes un libriño de 46 páxinas con todos os datos recabados na Memoria de actividades da Igrexa en Galicia.
Esta presentación, froito do traballo conxunto das cinco dioceses galegas, ofreceu un exercicio de transparencia sobre o labor desenvolvido pola Igrexa católica na comunidade autónoma durante o ano 2023 en ámbitos como a pastoral, a acción social e a actividade evanxelizadora.
Nesta ocasión, o protagonismo recaeu en diversas experiencias de vida, con testemuños conmovedores e significativos. Raquel Fernández, educadora social de Cáritas Ourense, compartiu o seu traballo de acompañamento a mulleres en contextos de prostitución, trata ou explotación sexual. José Criado, reitor do santuario do Corpiño (Lugo), explicou a organización pastoral nunha unidade que agrupa once parroquias rurais. Carlos Nottaro, migrante venezolano residente en Vigo, relatou como a parroquia de Santa Marta lle brindou apoio para a súa integración. Finalmente, Nieves Espiñeira, delegada de Pastoral Penitenciaria de Mondoñedo-Ferrol, ofreceu o testemuño de dúas persoas presas, resaltando o valor do labor silencioso dos voluntarios nos cárceres.
O acto estivo presentado polo xornalista da Cadea COPE Santiago Peón, coa colaboración de Paula Pájaro (COPE Galicia) e Raúl Alfonso (diocese de Ourense).
Recoñecemento á Memoria de 2022
Durante o evento, recordouse que a Memoria de Actividades e Económica de 2022 da Igrexa en Galicia recibiu o II Premio Igrexa Sostible da Conferencia Episcopal Española a pasada semana. Este galardón recoñeceu a edición conxunta do informe por parte das cinco dioceses galegas, destacando o seu labor meritorio e corresponsabilidade.
