sábado. 10.12.2022

A identificación dos sistemas agrarios de alto valor natural, clave para definir o mapa de usos agroforestais da nosa comunidade

A infraestrutura verde é definida pola Comisión Europea como unha rede de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, planificada de forma estratéxica, deseñada e xestionada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos. Dende este punto de vista, os ecosistemas son entendidos como un capital natural que contribúe ao benestar humano mediante un conxunto de funcións con capacidade para proveer servizos, que son producidos cando estas funcións son utilizadas, de xeito consciente ou inconsciente, polo ser humano. 
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou en Lugo no ciclo Luis Asorey sobre “o valor da paisaxe”.
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou en Lugo no ciclo Luis Asorey sobre “o valor da paisaxe”.

A Xunta traballa na identificación dos sistemas agrarios de alto valor natural de Galicia, como parte dos labores do mapa de usos agroforestais. A Consellería do Medio Rural vén de contratar dita identificación, dando así cumprimento ao establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, no sentido de que este mapa “analizará e identificará os sistemas agrarios de alto valor natural como base da infraestrutura verde rural”.

Así o explicou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, durante a súa participación, en Lugo, no ciclo Luis Asorey sobre “o valor da paisaxe”. A directora xeral engadiu que estes traballos teñen en conta a infraestrutura verde e os servizos ecosistémicos. Así, ambos contémplanse tanto para facer o devandito mapa de usos coma os catálogos de solos agropecuarios e forestais.

Segundo detallou Inés Sante, a infraestrutura verde é definida pola Comisión Europea como unha rede de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, planificada de forma estratéxica, deseñada e xestionada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos. Dende este punto de vista, os ecosistemas son entendidos como un capital natural que contribúe ao benestar humano mediante un conxunto de funcións con capacidade para proveer servizos, que son producidos cando estas funcións son utilizadas, de xeito consciente ou inconsciente, polo ser humano. O concepto de servizo ecosistémico é antropocéntrico, de xeito que un ben ou servizo que non beneficia o ser humano non é un servizo ecosistémico.

Estratexias de xestión territorial

Nesta liña, a directora xeral trasladou que o concepto de infraestrutura verde está sendo adoptado de forma crecente nas diferentes políticas e estratexias de xestión territorial como un instrumento para asegurar os servizos ecosistémicos requiridos para o benestar humano e a calidade de vida.

Un ámbito de aplicación inmediata son as políticas agrarias ou de desenvolvemento rural, xa que a capacidade do territorio para a provisión de servizos ecosistémicos pode empregarse para a implantación de medidas agroambientais, así como dar lugar a novos sistemas de pago por servizos ecosistémicos. É dicir, pagos a propietarios ou xestores da terra por proporcionar ou protexer estes servizos. Por outra parte, a Comisión Europea propón que a infraestrutura verde pode ofrecer solucións para a prevención do abandono da terra agrícola e para minimizar os impactos negativos cando a terra agrícola xa está abandonada.

Viabilidade económica da infraestrutura verde

Por isto, engadiu Santé, a prevención do abandono pode abordarse investindo nun mellor uso e desenvolvemento dos servizos proporcionados pola infraestrutura verde. Nestes casos, pódese ter unha maior viabilidade económica explotando o potencial da infraestrutura verde para o turismo ou usos multifuncionais, ou a través do financiamento destas zonas cos fondos da PAC para zonas agrícolas de alto valor natural ou outros fondos estruturais europeos.

Por último, a directora xeral valorou que merece unha mención específica a combinación da infraestrutura verde co pastoreo e outros tipos de gandaría de baixa intensidade como unha forma de uso do solo que mellora a prevención do lume e ten considerables beneficios para a biodiversidade.

A identificación dos sistemas agrarios de alto valor natural, clave para definir o mapa...
Comentarios