domingo. 28.04.2024

Da colaboración entre o IES de Melide e CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) nace a modalidade dual do Ciclo Superior de FP de “Gandería e Asistencia en Sanidade Animal”, o primeiro destas características no ensino público da nosa comunidade. Esta mañá presentouse no centro educativo, coa asistencia da secretaria xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.

A matrícula para este novo ciclo está dispoñible desde o 23 de xuño ata o 15 de xullo. A Cooperativa CLUN asume o compromiso de acoller ata a doce alumnos nas etapas de formación en prácticas en ganderías socias e tamén aportando coñecemento a través do seu equipo veterinario.

Na súa intervención, Eugenia Pérez salientou que “o Plan Conecta da FP de Galicia procura que a oferta de Formación Profesional se adapte ás necesidades do mercado e tamén no rural. Así, produciuse un incremento da oferta do 10% da oferta de formación que ten como obxectivo dar á actividade do rural profesionais que o fagan seguir desenvolvéndose”,

Pola súa parte, a directora do IES de Melide, Ana Villar, manifestou que “conseguir que este FP Dual poidese ter cabida nun centro público como o IES de Melide é resultado de dous anos de traballo e reunións e a colaboración da cooperativa CLUN, completamente imprescindible para impartir este ciclo”. Indicou que “o que máis nos determinou a apostar por esta formación foi unha reunión que tivemos con gandeiros, que se amosaron dispostos a acoller alumnado e cun enorme interese en que este ciclo saíse adiante”.  

Necesidade de man de obra para mellorar a conciliación e lograr explotacións viables e máis competitivas

Tal como puxo de relevo Pablo Costoya, secretario do Consello Reitor de CLUN, atopar man de obra estable e cualificada é xa a maior dificultade coa que se encontran as ganderías familiares de camiño á profesionalización. CLUN detecta que esta é a principal preocupación, xunto á necesidade de investimento en modernización e ampliación das instalacións. Para dar resposta a esta necesidade, a Cooperativa busca a través da formación camiñar cara a unha gandería galega cun maior tecido humano profesionalizado dispoñible”.

O 13% das 7.000 explotacións que quedan entregando leite en Galicia son ganderías de tamaño medio, con 75 vacas en produción e 40 hectáreas de superficie; e outro 7% de  explotacións grandes de máis de 160 vacas en muxido e 68 hectáreas de superficie agraria útil. “Este tipo de ganderías son as que demandan máis persoal, co obxectivo de garantir a conciliación e dispor dalgún tempo propio que permita mellorar a calidade de vida e, noutros casos, para manter a estrutura laboral que precisan estas explotacións e conseguir así que sexan viables e máis competitivas” -destacou Costoya-.

O ÉXITO DA FORMACIÓN DUAL

A modalidade dual non chegara aínda a este Ciclo Superior, así que supón unha novidade para o curso 2023/2024. Incorporarase en só dous centros en Galicia: o IES de Melide e o CEFA de Sergude.

A Formación Profesional aumentou un 24,4% desde o curso 2016/17 en España. Con todo, a media europea é dun 41% de titulados en FP, mentres que no conxunto de España se sitúa nun 36%. En particular, a formación dual  está a ter moi boa acollida, alcanzando en 2021 o 3,8% de todos os graduados en Formación Profesional, ao tempo que segue a medrar tanto a oferta de ciclos como o número de alumnos matriculados nesta modalidade.

CLUN,COOPERATIVO DE GANDEIROS PROFESIONAIS

CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) conta con máis de 2500 socios en toda Galicia, con sedes en Melide, Ames e Ribadeo. Ademais de cooperativa láctea e transformación de leite e comercialización coas marcas FEIRACO, ÚNICLA e CLESA, é tamén unha cooperativa agraria. A súa división agrogandeira  aporta o 50% do negocio á organización. Entre os servizos agrarios que ofrece destacan os veterinarios e agronómicos, o asesoramento técnico-económico a socios, o servizo de subministración, así como a alimentación animal.

 

 

 

'Gandería e Asistencia en Sanidade Animal', primeiro Ciclo Superior de FP Dual de...
Comentarios