sábado. 27.04.2024

O presidente da Xunta sinalou hoxe, durante a rolda de prensa do Consello que a Comunidade recibirá 3.261 millóns de euros dos Fondos da Política de Cohesión para o período comunitario 2021-2027, dos que case a metade 1.500 M€ serán xestionados directamente pola Xunta.

Así se desprende, subliñou, do informe sobre a programación dos fondos europeos, elaborado pola Consellería de Facenda e Administración Pública e avaliado hoxe na reunión do Consello da Xunta. “O Goberno central decide reservarse máis da metade e o que volvemos a reclamar é unha maior descentralización tamén neste eido xa que sería desexable”, engadiu.

Son, en concreto, 940 millóns de euros no Programa FEDER de Galicia; 449 millóns de euros no Programa do Fondo Social Europeo Plus (FSE+); e 111 millóns na prioridade correspondente á provincia da Coruña, no Programa de Transición Xusta de España.

En relación ao Programa Operativo FEDER Galicia, cuxa aprobación, tal e como avanzou, está prevista a finais deste 2022, o texto precisa que estes fondos contan cunha asignación financeira organizada en cinco grandes eixes e nos que cobran especial relevancia áreas como: o apoio á investigación e á dixitalización, o impulso ás pemes e o compromiso coa eficiencia enerxética, o medio ambiente e a transición verde, así como o investimento de carácter social.

Así, e de cara a unha Galicia máis competitiva e intelixente, a Administración autonómica contará con 405 millóns de euros de axuda europea para reforzar a investigación e innovación, ademais de apoiar ás empresas e favorecer a dixitalización de economía galega.

Con este obxectivo, entre as accións programadas destacan: a posta en marcha de proxectos transformadores e de impacto en cadeas de valor estratéxicas, a través da colaboración e a transferencia entre os diferentes axentes do Sistema Rexional de Innovación; o apoio aos centros de investigación excelente do Sistema Universitario Galego; a consolidación da dixitalización dos servizos públicos; a transformación dixital da sanidade e o compromiso financeiro con iniciativas de investimento empresarial.

A aposta por unha Galicia máis verde contará cunha partida de 366 millóns para a mellora da eficiencia enerxética en edificios públicos e nos sectores produtivos; o despregamento das enerxías renovables; o fomento da adaptación ao cambio climático; o impulso dunha xestión hídrica sostible; ou a implantación dun modelo de economía circular, entre outras iniciativas.

Así mesmo, cómpre salientar que o 7% da contía dos fondos FEDER -61 millóns de euros-, destinaranse a ámbitos relacionados coa mellora da seguridade viaria e a mobilidade sostible. E 76,5 millóns dedicaranse -de xeito complementario ás medidas a financiar co Fondo Social Europeo Plus- á cohesión social, é dicir, para o financiamento de infraestruturas educativas e sanitarias, así como para reforzar o papel da cultura e o turismo sostible.

Por último, e tendo en conta o conxunto de accións que se van desenvolver nos próximos anos, o informe salienta tamén que estes fondos contribúen cun 30,5% da súa asignación financeira aos obxectivos relacionados co cambio climático e cun 8,3% aos obxectivos de biodiversidade.

No que se refire ao Programa FSE+, cómpre salientar que a Xunta está a traballar co Ministerio de Traballo e Economía Social e coa Comisión Europea para concretar as liñas de actuación e que poida ser aprobado antes de que remate o ano, ao igual que o Programa de Transición Xusta de carácter plurirrexional.

Galicia recibirá 3.261 M€ dos fondos de cohesión ata 2027
Comentarios