sábado. 05.10.2024

La fiesta del Día de la Ciencia

“Queremos salientar a traxectoria dun científico excepcional, un català de Lugo que conseguiu mellorar radicalmente a sanidade e produtividade do sector gandeiro, incorporando novos paradigmas como a prevención. Pero o seu labor non se limitou a Lugo nin a Galicia, a súa visión avanzada permitiu modernizar os procedementos veterinarios en España. Conseguiu ademais ir modificando a mentalidade dos gandeiros, incorporando elementos como o asociacionismo, as explotacións comunais ou a integración vertical das explotacións” -destacou o presidente da Academia-.
SUSO RIVAS.
SUSO RIVAS.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no Pazo de Fonseca en Santiago o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou a Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Barcelona, 1874 – Lugo, 1967), impulsor da veterinaria en Galicia e España, como ‘Científico Galego do ano 2022’. No evento interviron o presidente da Academia, Juan Lema; e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. Asistiron ademais a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; Lara Méndez, alcaldesa do Concello de Lugo (cidade onde Rof Codina desenvolveu a súa carreira); Gabriel Soriano, concelleiro de El Prat de Llobregat (vila natal do homenaxeado); o presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, Antonio Crespo; a vicedecana da facultade de Veterinaria da USC, Maribel Quiroga; e dous netos do homenaxeado, José María e Juan Sancho Rof; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, educativas, culturais e de investigación galegas.

“Queremos salientar a traxectoria dun científico excepcional, un català de Lugo que conseguiu mellorar radicalmente a sanidade e produtividade do sector gandeiro, incorporando novos paradigmas como a prevención. Pero o seu labor non se limitou a Lugo nin a Galicia, a súa visión avanzada permitiu modernizar os procedementos veterinarios en España. Conseguiu ademais ir modificando a mentalidade dos gandeiros, incorporando elementos como o asociacionismo, as explotacións comunais ou a integración vertical das explotacións” -destacou o presidente da Academia-.

SUSO RIVAS.
SUSO RIVAS.

“O seu traballo tivo unha repercusión formidable, non só na sociedade labrega, senón que contribuíu a unha transformación social e económica de primeira magnitude. Rof Codina é un magnífico exemplo de coñecemento científico aplicado ao servizo da sociedade, do que destaca ademais a súa infatigable acción divulgadora. Investigación aplicada, metodoloxías innovadoras, divulgación eficiente e compromiso coa sociedade son razóns máis que suficientes para considerar a Juan Rof Codina como un dos científicos máis senlleiros de Galicia” -concluíu Lema-.

Durante o evento proxectouse o vídeo “Juan Rof Codina, impulsor da veterinaria moderna”, no que se abordan aspectos persoais e familiares do homenaxeado, así como a súa frutífera traxectoria profesional. E presentouse a revista da Academia “A Ciencia en Galicia”, dedicada neste número a Rof Codina, e con especial atención ademais aos actuais retos enerxéticos.

Lourenzo Fernández Prieto: “Organizou sindicatos e asociacións agrarias, ademais de concursos de gando en moitas bisbarras galegas”

Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC, experto na historia das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, autor de varios traballos sobre Rof Codina, impartiu a conferencia “Juan Rof Codina (1874-1967), un veterinario galego doutro tempo, un científico de cando os veterinarios aprendían dos labregos”. Na súa intervención resaltou que “o que máis asombra del é o inmediato entusiasmo que sentiu pola sociedade rural galega, a súa agricultura e a súa gandaría. Para comprender todo o seu traballo e a súa pegada hai que debuxar unha árbore chea de pólas: o experto en sanidade e hixiene pecuaria, o científico zootecnista, o científico aplicado e tecnólogo, o intelectual agrarista, animador de sociedades agrarias, de seguros mutuos e da venda directa de gando evitando aos tratantes intermediarios, o construtor da profesión veterinaria, tamén o político que asume responsabilidades nos mellores e nos peores momentos, e o divulgador”.

O historiador remarcou “a súa implicación no agrarismo, na organización política en Solidaridad Gallega. Decisivo participante nas Asambleas Agrarias de Monforte, organizador de sindicatos e asociacións agrarias e concursos de gando en moitas bisbarras galegas”. E puxo de manifsto que o labor máis decisivo de Rof Codina está ligado á sanidade pecuaria e, sobre todo, á creación da raza rubia galega antes de 1936.

Entrega das Medallas de Investigación de Galicia

Entregáronse tamén as cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC na súa cuarta edición. As persoas distinguidas este ano foron Jesús López Romalde, medalla Ánxeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, microbiólogo e virólogo de referencia, cunha investigación punteira orientada á solución de patoloxías en acuicultura e a coñecer e controlar problemas ambientais causados por microorganismos e virus; Ramón Máiz Suárez, medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais, impulsor dos estudos de Ciencias Políticas en Galicia, formador dunha escola de prestixio e un dos maiores expertos en federalismo e nacionalismo en España; Mª Ángeles Sanromán Braga, medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas, que foi quen de crear un grupo de investigación de referencia en Bioprocesos Sostibles, desenvolvendo un gran número de solucións para tratar problemas ambientais complexos; Jorge Mira Pérez, medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, que, ademais dun excelente divulgador, polo que xa recibiu o recoñecemento da RAGC, é un extraordinario e extremadamente curioso científico interesado por coñecer e modelar a dinámica de problemas complexos de moi diversa índole; e Isabel Pastoriza Santos, medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía polo desenvolvemento dunha liña de máximo interese na síntese de nanopartículas de ouro e prata mediante química coloidal, con enormes campos de aplicación en saúde e en procesos produtivos e ambientais.

Libro e placa conmemorativa no Parque das Ciencias

Durante a mañá celebráronse outros actos para honrar a figura de Rof Codina. Colocouse unha placa conmemorativa no Parque das Ciencias, coa colaboración do Concello de Santiago. E presentouse o libro Juan Rof Codina. Unha referencia na agricultura e a gandaría galegas do século XX”, coeditado co Consello da Cultura Galega. A publicación conta con limiares de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; do presidente da RAGC; e do académico Antonio Rigueiro; e inclúe artigos do experto Diego Conde sobre Rof Codina como referente na mellora agropecuaria galega; José Luis Factor, académico da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, sobre a evolución da profesión veterinaria; Alberto Portela, vicepresidente da Asociación Española de Historia da Veterinaria, sobre a evolución dos estudos de veterinaria en Galicia; e Laura Arias, secretaria executiva de Acruga, sobre a aportación de Rof Codina ao recoñecemento da raza rubia galega.

Juan Rof Codina, impulsor da raza rubia galega

Juan Rof Codina contribuíu á modernización do sector agropecuario galego e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros da nosa comunidade. En 1898 é destinado a Lugo como tenente veterinario militar e é na cidade lucense onde nace o seu interese polos problemas gandeiros de Galicia. A partir de entón traballou a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX, destacando dous campos: a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora do continxente gandeiro, para o que comeza a escribir artigos de difusión de boas prácticas; e a organización e valorización da profesión veterinaria en España. Publicou a monografía “La raza bovina gallega”, un estudo no que se sentaron as bases do que logo sería a raza rubia galega.

SUSO RIVAS.
SUSO RIVAS.

O Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que pretende a  promoción social da ciencia, salientando a vida e actividades daquelas personalidades que destacaron pola súa achega ao desenvolvemento científico na nosa comunidade.

 

 

O evento retransmitirase a través da canle de YouTube da RAGC:

https://youtu.be/oLRX2vcO2tc

La fiesta del Día de la Ciencia
Comentarios