jueves. 25.04.2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, estará presente no I Encontro do Viño Galego Revera Vinum que se celebrará en Santiago de Compostela os vindeiros 22, 23 e 24 de marzo. En concreto, participará -en colaboración cos consellos reguladores das distintas denominacións de orixe (DO) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia nun espazo conxunto no Túnel do Viño, con máis de 200 referencias diferentes.

Con esta presenza agrupada preténdese identificar o potencial do sector vitivinícola galego e poñelo en valor ante os visitantes profesionais, facéndoos conscientes da súa importancia e do seu alcance. O deseño e distribución do espazo convidará a descubrir e catar os produtos expostos, para proporcionar toda unha experiencia sensorial aos participantes grazas á calidade e diversidade dos viños, licores e augardentes.

No caso dos viños, as referencias estarán agrupadas por denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, e diferenciadas por tipo de viño (branco ou tinto). No caso das augardentes e licores, estarán aglutinadas por indicación xeográfica. Cómpre engadir que as marcas premiadas cos Acios e cos Potes nas Catas de Galicia 2021 estarán sinalizadas e acompañadas dos queixos e meles que tamén foron premiados nesa cita.

A maiores, cabe resaltar que a Xunta habilitará un espazo centrado nas Experiencias de Calidade onde se realizarán pequenas elaboracións culinarias de produtos de calidade diferenciada maridadas con viños de denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas.

Promovido pola Asociación Hostalaría Compostela, o I Encontro do Viño Galego Revera Vinum nace co obxectivo de dar a coñecer, promover e difundir o potencial do sector. Tamén para crear un punto de encontro para as diferentes adegas, DO e IXP galegas, reunidas todas elas por primeira vez nun evento destas características.

Encontro do Viño Galego