martes. 05.05.2026

Alfredo Conde recibe o Premio José Luis Alvite: “Precisamos xente que non só comprenda os feitos, senón que saiba contalos”

O escritor e articulista Alfredo Conde recibe en Brión o Premio José Luis Alvite 2026 nun acto que reivindicou o xornalismo rigoroso, a liberdade de expresión e o compromiso coa sociedade galega.
De esquerda a dereita, o alcalde de Brión, Pablo Lago; o escritor Alfredo Conde, Premio José Luís Alvite 2026; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; e a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, durante o acto de entrega celebrado en Brión.
De esquerda a dereita, o alcalde de Brión, Pablo Lago; o escritor Alfredo Conde, Premio José Luís Alvite 2026; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; e a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, durante o acto de entrega celebrado en Brión.

O escritor e articulista ourensán Alfredo Conde Cid foi distinguido co Premio José Luis Alvite 2026 de columnismo, outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG), nun acto celebrado no Centro Social Polivalente de Brión, municipio no que reside o autor.

Entrega do premio a Alfredo Conde

A entrega converteuse nunha reivindicación do xornalismo reflexivo e comprometido nun contexto que o propio premiado cualificou de preocupante. Conde advertiu da deriva actual dos medios, “marcados pola inmediatez”, onde “se compite por ‘likes’ e por encher as redes de contidos sen interese”, o que, ao seu xuízo, deixa á cidadanía “desinformada e indefensa ante o que sucede no seu propio arredor”.

VÍDEO discurso del premiado Alfredo Conde

Con máis de 20.000 artigos escritos dende os 16 anos, o autor reivindicou un modelo de xornalismo baseado no rigor e na proximidade. Fronte á globalización informativa, defendeu “un galeguismo de proximidade, que busca consensos sociais, políticos e económicos, que constrúe sociedades cohesionadas e resilientes”.

VÍDEO da intervención de María Méndez, presidenta da APG.

A laudatio, pronunciada por Armando Requeixo, incidiu na dimensión múltiple do premiado. “A voz que hoxe premiamos é unha polifonía”, sinalou, lembrando que “non hai un único Alfredo Conde, senón varios: narrador, ensaísta, xornalista e intelectual comprometido”. Requeixo puxo en valor tamén a súa traxectoria como “un dos grandes embaixadores culturais e literarios da Galicia contemporánea”.

Pola súa banda, o alcalde de Brión, Pablo Lago, reivindicou o orgullo de acoller o acto nun municipio estreitamente ligado ao escritor. “En Brión podemos sacar peito por ser o lugar escollido para vivir por creadores de distintas disciplinas”, afirmou, destacando a capacidade do concello para atraer talento cultural e subliñando a figura de Conde como referente.

A presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, desvelou durante a súa intervención que foi o propio premiado quen escolleu Brión como escenario da entrega. Méndez subliñou tamén o sentido do galardón, que serve para “acadar novas expresións de liberdade que temos que conquistar día a día”, reivindicando así o papel do xornalismo na defensa dos dereitos e da democracia.

VÍDEO de Armesto Requeixo, autor de la Laudatio.

O acto foi pechado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen destacou que Alfredo Conde é “unha persoa comprometida coa nosa terra, coa nosa cultura e coa nosa lingua, como demostra tanto na súa vida profesional como persoal”. O representante da Xunta lembrou tamén que o autor “xa foi merecedor, entre outras distincións, da Medalla Castelao” e felicitouno, ás portas das Letras Galegas, por “ser un excelente e rigoroso narrador, cunha gran calidade literaria e xornalística, que nos fai medrar como sociedade e no que atopamos un bo referente da Galicia Calidade”.

VIDEO do discurso do alcalde de Brión, Pablo Lago.

No seu discurso, o premiado puxo o foco na responsabilidade do oficio xornalístico. Conde lembrou que quen informa debe partir de “feitos contrastados e datos certos”, advertindo contra o “pensamento líquido” e lembrando que os sistemas totalitarios comezan por silenciar medios e limitar liberdades. “Os xornalistas somos o último bastión de defensa da liberdade de pensar e opinar”, afirmou.

A cerimonia contou tamén coa actuación do grupo de Gaiteiros de Brión, que puxo o acompañamento musical ao evento, ao que asistiron numerosos socios da APG que arrouparon ao premiado nun acto cargado de recoñecemento e simbolismo. O evento foi presentado pola xornalista Marta Darriba

VÍDEO da intervención do conselleiro de Cultura, José López Campos

O acto concluíu cun ton emotivo. Conde agradeceu o galardón nun momento de madurez vital e profesional, consciente da dificultade do oficio pero tamén da súa importancia. “A responsabilidade é enorme”, sinalou, reivindicando un xornalismo útil, rigoroso e próximo.

Co Premio José Luis Alvite, a Asociación de Periodistas de Galicia recoñece non só unha traxectoria extensa e sólida, senón tamén unha maneira de entender o xornalismo baseada na reflexión, o compromiso e a defensa do interese público.

+++++++++++++++++++

Discurso [íntegro] de Alfredo Conde
Premio José Luís Alvite 2026

José Luis Alvite foi un dos grandes columnistas españois. Malia o paso do tempo e o deterioro que este adoita causar nos máis dos textos literarios, os artigos de Alvite conservan íntegros o seu valor e maila súa frescura literaria, considerados ambos a carón dos máis significados nomes da prensa peninsular.

A concesión do premio que leva o seu nome trátase dunha honra que ven acompañada da responsabilidade de intentar, cando menos de intentar corresponder cun esforzo que estea en xusta ou cando menos en aproximada medida, cos que nos deixou Alvite e todos seguimos lendo con fruición e empeño.

O feito de que sexa un premio concedido pola Asociación de Periodistas de Galicia, a un dos seus iguais, implica á súa vez un idéntico compromiso de gratitude e máis un afán de superación que cando menos deberá ser intentado, aínda tendo conciencia da dificultade de acadar estando á altura requirida polo recoñecemento que o Premio José Luís Alvite outorga.

Vivimos tempos atravesados, cheos de precedentes infaustos que só atoparon solucións bélicas, destrutivas, nas que o ser humano fixo gala da súa máis terrible condición. É necesario que os máis vellos recordemos eses precedentes e que os máis novos teñan conciencia e consciencia deles por se estamos a tempo de paliar o camiño que sempre sinalan os tempos avessos como estes de hoxe.

É bo recordar que o primeiro que fan os sistemas totalitarios é pechar fronteiras, cancelar aeroportos e estacións, estradas e camiños, emisoras de radio e televisión, xornais e promulgar toques de queda de xeito que toda comunicación quede sometida aos seus dictados. Toda comunicación entre os seres humanos é intervida, a liberdade de expresión, de conciencia ou de opinión, a liberdade de creación artística ou de culto relixioso son conculcadas.

Quen escribimos nos xornais ou o facemos dende as emisoras de radio e televisión temos unha enorme responsabilidade, un compromiso ético que nos sitúa onde a conciencia debe indicarnos un proceder que non sempre é doado aceptar.

Este mandato debe ser tomado moi en serio, tal como unha obriga, como un deber, polos que escribimos artigos nos xornais; uns, amparándonos nas ideas, moitas veces; outros buscando tamén a beleza do texto ou o sorriso do lector e nalgunhas outras, en todas elas, coa certa familiaridade que provoca o texto de xeito que xere unha complicidade que nos desculpe; pero moito máis en serio o fan todos aqueles que informan, conscientes de ser os responsables que lle quedan á nosa sociedade para recibir información contrastada, unha información correctora dos desvíos de opinión inducidos dende os gabinetes de prensa das sociedades, cando non dende os próximos que dependen dos órganos de goberno, dos lindes da xustiza ou dos gabinetes do lexislativo.

Isto converte ós meus compañeiros da Asociación de Periodistas de Galicia, con eles o resto dos xornalistas, no último bastión de defensa da liberdade de pensar e de opinar. É previsible que nestes nosos e acelerados tempos, nos que nada de nada é como foi e nos todo camiña de xeito que, a volta duns anos, o mundo deixe de ser como o que algúns vellos recordamos; daquela e de maneira significativa o traballo digno dos xornalistas evitará que ese bastión, en vez de ser o último, se converta no derradeiro.

A responsabilidade é enorme, enormes chegarán ser as dificultades. O feito de ser escritor, escritor de periódicos, exime en gran parte desa responsabilidade; por iso agradezo aínda máis a concesión deste premio que me chega na idade xa serodia na que ando, porque mo conceden os responsables de manter á sociedade á que ambos pertencemos debidamente informada.

Quen teña que partir da análise dos feitos contrastados, dos datos certos, para comunicalos ceibos de toda indución diso que se denomina pensamento líquido, ese pensamento que se adapta ó contedor de quen o produce, quen teña que partir de aí ten tamaña responsabilidade e sofre as grandes dificultades das que todos somos conscientes. Tales son estas que non se corresponden, como as que temos os que, coma min mesmo, case sempre o facemos por oficio literario; nin coas daquelas que escribindo se esforzan en facerse un lugar na sociedade, ou tan só con tal de poder celebrar a simple satisfacción de facelo sen ter que xogar nin co pan de cada día, nin co constante perigo ó que están sometidos os profesionais da información conscientes da importancia social do seu labor.

Cada vez que vexo un documental no que un afoutado escalador de “catromiles”, un buceador que se aventura entre orcas, arroases ou quenllas e se regodea en nos explicar os perigos que corre, mentres estes vánsennos amosando na pantalla, penso sempre os que estarán correndo os cámaras que permanecen ocultos filmando as aventuras dos afamados e intrépidos presentadores deses documentais. O traballo deses profesionais da información, ós que me estou a referir, son eses cámaras que non se ven nos documentais, son eses fotógrafos de prensa que nos mostran a realidade que avala o texto redactado por ese xornalista que a contrasta coa ofrecida por aqueles que ocultan os feitos ou os terxiversan. Que este premio chegue ás miñas mans vindo de quen ven, éncheme da tranquilidade e da gratitude que reitero. Formar parte, por mínima que sexa, de tal grupo humano éncheme de orgullo e mesmo dunha vaidade que confeso.

Na nosa terra afírmase que, mentres sube e baixa o pau, descansa o lombo. Eu así o creo e delo teño algunha experiencia. Por iso permitídeme que remate afirmando que, ultimamente, teño o lombo moi e ben e moi descansadiño. Sei que logo de trinta e tantos anos iste meu lumbar descanso provén do meu traballo nos xornais do meu país; por iso quero deixar constancia delo e de que pagou a pena chegar ata aquí pra me sentir na miña casa no seo da Asociación de Periodistas de Galicia. Moitas grazas e de hoxe nun ano.

-------------------------------------------------------------------

Laudatio de Armando Requeixo
Premio José Luís Alvite 2026

Autoridades, amigo premiado, Alfredo Conde, familia do galardoado; miñas damas, meus señores.

Convócanos hoxe unha circunstancia tan gozosa como xusta: a concesión ao escritor e colaborador de prensa Alfredo Conde Cid do XI Premio José Luís Alvite de Columnismo de Opinión 2026, galardón que outorgou por unanimidade a Asociación de Periodistas de Galicia atendendo á súa “dilatada traxectoria no mundo literario e xornalístico, tanto en galego como en castelán, ao longo de case seis décadas”.

Coido non só un acerto a distinción outorgada, senón un acto de xustiza poética. Recoñecer con este premio a figura de Alfredo Conde é poñer en valor o camiño andado e as múltiples contribucións dun intelectual ao que moito debe Galicia, a súa cultura e a súa literatura.

A voz que hoxe premiamos é unha polifonía. Non hai un único Alfredo Conde, senón varios, múltiples, poliédricos, fractais. Vánme permitir que, en escasos minutos, lles recorde os distintos Alfredos que habitan en Alfredo Conde, para que fique hoxe aboiando no ar o pertinente da concesión deste premio e tamén a intelixencia de promovelo, porque honrar, honra, e se Alfredo Conde se fai máis grande con este galardón, non recibe a luz que recibe a APG que, con tanto ben, llo concede.

Alfredo é, antes de nada, aquel cativo de Allariz que hoxe é xa un neno grandeiro de oitenta e un anos andados. O fillo de César, un represaliado político, que tiña o carné número 617 do Partido Galeguista, asinado, por certo, por Alexandre Bóveda.

O fillo de María Teresa, nai coraxe que fundou o Colexio Estudio en Pontevedra nos anos 60, unha muller que ía por diante do seu tempo dirixindo un centro no que se oía o galego nas clases, no que se fomentaba o xadrez e que contaba mesmo con psicólogo e con médico. Non é de estrañar que María Teresa fose tan emprendedora e tan brillante, pois seu avó fora alcalde da Coruña, todo un personaxe, un masón pequeno e foscao que alcumaban A Pulga Rabiosa, descendente, por certo, dun irmán do Padre Feixoo.

O día que Alfredo veu ao mundo, na noite de Reis, foi seu pai quen atendeu a súa nai no parto. Alfredo estaba a gusto e tomouse o seu tempo, así que houbo que aplicar fórceps. Nevaba. Ían 14 graos baixo cero e, cando deu o primeiro choro, foise á luz, tanta era a enerxía que nel implosionaba.

Dende aquel día ata hoxe Alfredo viviu intensamente, multiplicado en aventuras mil. Estudou Náutica e navegou como mariño en transatlánticos. Traballou catro anos nun banco. Deu clases nun colexio de monxas en Marín e tamén no centro materno. Animou un programa semanal en galego en Radio Pontevedra, onde falaba de poesía, unha experiencia que fixo que a policía franquista o fichase xa con quince anos por falar no idioma que non debía. Foi sobranceiro deportista nos Campionatos de España de Atletismo Xuvenil, onde chegou a rozar os 50 segundos nos 400 metros.

Cursou Xeografía e Historia na Universidade de Santiago, onde non conseguiu licenciarse por ser boicoteado o seu expediente ao estar considerado un “perigoso axente comunista abeirado aos Voces Ceibes”. E aínda lle quedou tempo para escribir o seu primeiro libro, Mencer de lúa, un poemario que, nada máis e nada menos, Ricardo Carballo Calero defendeu diante de Galaxia para que se publicase cando Alfredo tiña apenas vinte e tres anos.

Foi aí, nese preciso instante, cando principiou a celmosa andaina do Alfredo Conde escritor, xornalista e tamén embaixador cultural que hoxe recoñecemos co Premio José Luís Alvite.

Non tentarei sequera presentar a súa inabarcable obra literaria e xornalística, pois levaríame un tempo que non teño. E tampouco hei de poder ponderar como cumpre a súa faceta de servidor do ben común. Conformareime, pois, e Alfredo saberá desculpar que non afonde máis, con amentar algúns fitos que me parecen esenciais para comprender a dimensión do seu labor e o moito que lle debemos.

Alfredo escribiu vinte novelas, varios libros de contos, un par de poemarios, diversas pezas teatrais, guións de cinema e de televisión, múltiples ensaios e tamén libros de memorias e de entrevistas. Por todo ese labor inxente, outorgóuselle o Premio da Crítica Española na modalidade de narrativa galega por dúas veces; o Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria; o Premio Chitón de Novela Galega; o Premio Ícaro; o Premio Blanco Amor de novela longa en galego; o Premio Ginzane Cavour de Turín á mellor novela en estranxeiro; o Premio Nacional de Literatura por unha obra escrita orixinariamente en galego; o Premio Nadal e o Premio Ateneo-Ciudad de Valladolid.

Pero, ademais, esta súa escrita foi traducida ao inglés, ao italiano, ao chinés, ao portugués, ao francés ou ao ruso, entre outros idiomas, sendo saudada polos máis prestixiosos medios de comunicación e críticos literarios de todas as nacionalidades, dende The Times ata Le Monde, La Stampa, The Daily Telegraph ou Pravda, igual ca por galicianistas eximios como Giuseppe Tavani ou Giulia Lanciani e por egrexios hispanistas como Roy Boland ou Helena Zernova.

Como colaborador dos medios e xornalista literario, a Alfredo Conde téñenselle recoñecido a súa valía con distincións tan relevantes como o Premio Julio Camba, o Premio Fernández Latorre, o Premio Pura de Cora ou o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, aos que agora suma, con total merecemento, este Premio José Luís Alvite.

Déixenme que lles recorde aínda outra faciana non menos loable do noso protagonista: o seu fulcral labor como un dos nosos mellores embaixadores culturais e literarios do último medio século. Mercede aos bos oficios de Alfredo Conde, Galicia e a lingua galega oíronse en universidades e foros intelectuais señeiros de lugares onde non se escoitara antes ou aínda hoxe é infrecuente que se saiba de nós, como Sydney, Praga, Xerusalén, Rabat, Melbourne, Osaka, Toquio, Toronto, San Petersburgo, Auckland, Estocolmo, Pequín ou Bergen, por citar só algunhas das moitas cidades que leva visitado polos cinco continentes.

Velai a razón, coido eu, de que se lle concedese no seu día a Medalla Castelao, a Orde de Cabaleiro das Artes e das Letras de Francia, o doutoramento honoris causa pola Universidade de Melbourne ou de que, aínda non hai tanto, a súa terra natal o fixese Fillo Predilecto da Provincia de Ourense.

Porque é ben lembrar que tan extraordinario quefacer como cónsul cultural favoreceu que cruzase amigablemente con moitas das voces literarias e intelectuais máis señeiras do pasado e do presente século, tratando así a altos intelectuais e escritores como Gabriel García Márquez, Camilo José Cela, Mario Vargas Llosa, Alfredo Bryce Echenique, Gonzalo Torrente Ballester, Nélida Piñón, Wole Soyinka, Derek Walcott ou José Saramago, por aludir unicamente a algúns que, como diría seu pai, xa moran no Mundo da Verdade.

Ben que me prestaría seguir a contarlles as bondades e proezas do amigo Alfredo Conde, mais o tempo que se me concedeu está a se esgotar. Así que vou ir rematando estas verbas agradecendo a oportunidade que se me brindou dende a directiva da APG de dirixirme a vostedes hoxe e de poder recordar que, como ben ten dito o amigo Alberto Barciela, en Alfredo Conde, “tras as singraduras, o rumbo sempre marca o regreso á casa da Pedra Aguda, en Brión”. Ben certo.

E dende esa casa seguro que Alfredo Conde gustará de contemplar os anos que han de vir ao pé das árbores que plantou no xardín e que trouxo das campas nas que descansan Basho ou Kafka ou Nabokov, facendo o que máis lle gusta na vida: ler, escribir e recibir os amigos para compartir con eles mantel e boa conversa.

Que se cumpran os teus desexos, Alfredo, e que a familia e os amigos que hoxe estamos ao teu carón poidamos seguir congratulándonos por moitos éxitos teus tan acaídos como este Premio José Luís Alvite de Columnismo de Opinión que che outorga a benemérita Asociación de Periodistas de Galicia.

MáIs nada e moitas grazas pola súa atención.

++++++++++++++++++++++++++++++

Discurso de Pablo Lago
Alcalde de Brión
Entrega do Premio José Luís Alvite 2026

En primeiro lugar, quero agradecerlle a Alfredo Conde e á Asociación de Periodistas de Galicia que escolleran Brión para a entrega desta undécima edición do Premio José Luís Alvite ao noso ilustre veciño.

Sempre presumimos de que Brión é terra de arte e cultura. En primeiro lugar, pola nosa ampla programación cultural e iniciativas singulares como os Encontros coa Arte ou o Premio Laudamuco para textos teatrais, a cuxa entrega vos convido a todos o próximo 16 de maio, coincidindo co aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures, obra doutro ilustre veciño como era Roberto Vidal Bolaño e que marca o inicio do teatro profesional en Galicia.

Pero en Brión tamén podemos sacar peito por ser o municipio escollido para vivir por moitos escritores, pintores, escultores, músicos, fotógrafos… E tamén moitos xornalistas que atoparon aquí o seu fogar, como fixo Alfredo en Pedra Aguda, e cos que me gustaría compartir unha frase do noso homenaxeado durante a recollida doutro premio: “Unha sociedade que carece de información do medio onde vive é unha sociedade perdida”.

E anunciou unha gran problemática dos nosos días: “Neste tempo de globalización, no que a maioría dos xornais están obsesos en informarnos de todo aquilo que sucede no ancho do mundo, eludindo a información que atinxe ao noso propio entorno, a cidadanía transita desinformada e indefensa ante o que sucede no seu propio arredor”.

Pero é un gran erro. O xornalismo actual está marcado pola inmediatez. Antes os medios competían por exclusivas, agora conténtanse con ser os primeiros, conseguir “likes” e encher as redes de contidos sen interese, de personaxes prescindibles e cun único obxectivo: que o lector faga click na noticia. E nesa batalla polas grandes cifras, o local, o máis próximo, sempre sae perdendo.

Pola contra, eses máis de 20.000 artigos de Conde eran pezas xornalísticas analíticas, lúcidas, próximas, comprometidas coa verdade e mesmo irreverentes, se fose preciso. Un xornalismo comprometido coa terra. E non estou falando de siglas políticas, vou máis aló. Estou falando de “galeguismo”, como o entende Alfredo Conde. Un galeguismo de proximidade, que busca consensos sociais, políticos e económicos. Que constrúe sociedades cohesionadas e resilientes fronte a un mundo global e homoxéneo.

Pero para iso, precisamos de máis xente como Alfredo. Persoas que nos lembren a importancia de reflexionar e contrastar a información. Persoas íntegras e comprometidas que non só comprendan os feitos que acontecen, senón que saiban contalos para que todos os entendamos.

Do contrario, sempre nos quedará facerlle caso a José Luis Alvite cando dixo aquilo de que “a televisión é unha cousa que só vale para acender durante os apagóns”.

Parabéns, benquerido Alfredo, e grazas a todas as persoas que nos acompañan hoxe aquí.

Alfredo Conde recibe o Premio José Luis Alvite: “Precisamos xente que non só comprenda...
Comentarios