sábado. 20.04.2024

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a celebrar un ciclo de conferencias centrado nos “Retos tecnolóxicos na produción e almacenamento de enerxías renovables”. Conta ademais co apoio do Campus Industrial da Universidade da Coruña, da Autoridade Portuaria da Coruña e do Instituto Enerxético de Galicia. 

A derradeira xornada deste ciclo será mañá xoves, 30 de xuño, no salón de actos da Autoridade Portuaria da Coruña, a partir das 17:00 horas. No transcurso da mesma abordaranse os retos actuais do hidróxeno verde e do biometano. Á presentación asistirá o presidente da RAGC, Juan Lema. Pódese participar gratuitamente de xeito presencial ou en liña, previa inscrición a través da plataforma Zoom.

Retos tecnolóxicos na produción de hidróxeno verde

Abrirá a xornada Emilio Nieto, director do Centro Español do Hidróxeno, que afondará nos retos tecnolóxicos na produción de hidróxeno verde, unha das solucións tecnolóxicas clave para a descarbonización e electrificación, co fin de chegar a ser cero emisións en 2050. Segundo os expertos, para algunhas aplicacións é a mellor solución e ata o momento a única que pode permitir a descarbonización, como é o caso do transporte pesado ou o sector ferroviario.

Emilio Nieto.
Emilio Nieto.

Nieto fará unha revisión dos plans europeos e nacionais para o desenvolvemento e despregamento da economía do hidróxeno. Centrarase nas características de España como país clave en relación ao hidróxeno renovable pola súa situación xeográfica privilexiada. Ademais, describirá algunhas aplicacións reais do uso do hidróxeno renovable en diversos sectores industriais para amosar “a ampla potencialidade que o hidróxeno ten e achega ao tecido industrial en prol da descarbonización, tanto como vector enerxético como materia prima industrial”.

O experto repasará os principais proxectos en desenvolvemento tanto a escala europea como no ámbito nacional, cubrindo toda a cadea de valor do hidróxeno, desde a produción a partir de fontes renovables e o seu almacenamento, a transformación do mesmo en enerxía de novo a partir das pilas de combustible, ata a súa aplicación final.

Retos para a produción de biometano

Marta Carballa é profesora titular de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago. Explicará o proceso de dixestión anaerobia para a produción de biometano como unha alternativa amplamente consolidada para a valorización de residuos orgánicos, tales como os lodos de depuradora ou os puríns de animais. Non obstante, a investigadora sinala que “os rendementos acadados nestas plantas son en xeral baixos debido en particular a dous factores limitantes: o sobredimensionamento dos dixestores anaerobios e a baixa produción de biogás obtida”.

Marta Carballa.
Marta Carballa.

Carballa abordará os retos aos que se afronta a produción de biometano. Entre outros, referirase á co-dixestión anaerobia como unha vía de tratamento de residuos orgánicos que permite superar as barreiras técnicas e económicas das tecnoloxías baseadas en procesos de mono-dixestión. “Aínda que existe unha ampla variedade de residuos orgánicos axeitados para ser usados como co-substratos en procesos de codixestión anaerobia, é imprescindible deseñar unha estratexia que permita unha selección axeitada dos co-substratos máis apropiados tendo en conta tanto criterios técnicos como económicos e medioambientais” -indica-.

Xeración e usos dos gases renovable de orixe biolóxica

Ángela Rodríguez Abalde, responsable da Área de Bionerxía de EnergyLab -con sede en Vigo-, dará a coñecer unha técnica destinada a xerar gases renovables de orixe biolóxica e os seus usos. Tal como explica, “o biogás, o biometano, o biohidróxeno e o syngas son os gases renovables que máis contribúen á economía circular, xa que se poden xerar a partir de residuos orgánicos mediante os procesos de dixestión anaerobia, fermentación escura ou gasificación”. Salienta que “estes gases renovables están chamados a xogar un papel relevante a curto e medio prazo tanto na transición enerxética como nos procesos de descarbonización e son fundamentais para cumprir os obxectivos do Marco Europeo sobre Clima e Enerxía para 2030”.

Ángela Rodríguez.
Ángela Rodríguez.

A experta pon de relevo que “Galicia dispón dun elevado potencial de xeración destes gases renovables, por exemplo mediante o aproveitamento de residuos orgánicos do sector agroalimentario ou forestal”. Nesta liña, a charla tratará das opcións de purificación, distribución e uso de biometano, así como do proceso de fermentación escura para a xeración dun gas renovable rico en biohidróxeno e da gasificación de residuos para xerar un gas sintético ou syngas.

Proxecto “A Coruña, Green Port”

O presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, presentará o proxecto “A Coruña, Green Port”. Esta iniciativa buscar impulsar na actividade do porto coruñés e na da súa contorna as enerxías renovables, a dixitalización e a eliminación da enerxía orixinada a partir do carbón. O obxectivo é que o porto sexa neutro en emisións de carbono e que toda a enerxía que consume se produza en Punta Langosteira a partir de fontes renovables.

emilio_nieto_
Emilio Nieto.

Ao remate da sesión, os asistentes poderán manter un debate cos expertos participantes no encontro.

Desenvolvemento do hidróxeno verde, biometano e outros gases renovables de orixe biolóxica
Comentarios