martes. 30.04.2024

A Deputación de Pontevedra esgotou xa este luns os recursos das axudas dispoñibles no marco do novo programa “Vive o rural”, destinadas ao ámbito educativo da provincia. A institución provincial puxo á súa disposición un total de 30.000 euros, que se completaron arredor das 9:00 horas deste luns tras abrir o prazo de solicitude ese mesmo día, e cun total de 44 solicitudes rexistradas entre a madrugada e a mañá. A través desta iniciativa, impulsada polo novo servizo de Xuventude, os centros escolares realizarán visitas de educación ambiental ás granxas escola da provincia para apoiar o seu labor educativo e fomentar entre os rapaces a curiosidade natural e mailo respecto pola cultura e o medio.

As 44 solicitudes recibidas pola Deputación durante as primeiras horas de apertura do prazo corresponden a centros (ou as ANPA destes) localizados en 21 concellos da provincia: Baiona, Bueu, Cambados, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Gondomar, A Guarda, Meis, Moaña, As Neves, O Rosal, Poio, Ponte Caldelas, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa e Vilanova de Arousa. Só estas primeiras 44 solicitudes xa practicamente duplicaron o crédito dispoñible, chegando ata os 50.000 euros.

'Vive o rural' está dirixido aos centros públicos de educación infantil, primaria e secundaria dos concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes, así como ás súas Asociacións de Nais e Pais (ANPA). Recibirán unha subvención máxima de 1.350 euros (25 euros por cada alumno) para que poidan organizar visitas de educación ambiental a algunha das cinco granxas escola situadas na provincia: Serantellos (Cambados), Fervenzaventura (Silleda), Kiriko (Fornelos de Montes), Corazón de Carballo (Tomiño) e Río Mouro (Poio). As visitas consistirán nun día realizando actividades de toma de contacto cos animais, labores da horta, obradoiros educativos ou xogos. As axudas da Deputación destinaranse ao custo das entradas e aos gastos de desprazamento.

O programa ten como finalidade ofrecerlles ás rapazas e rapaces a oportunidade de realizar actividades alternativas e de calidade para o lecer, coñecer lugares da súa contorna, achegarse á realidade do sector primario e adquirir coñecementos prácticos sobre a produción local, os cultivos presentes na contorna, a vida dos animais que habitan nela, o coidado do medio natural e a valorización do sector primario. A través disto, “Vive o rural” busca pór en valor o mantemento da biodiversidade da provincia de Pontevedra, da súa paisaxe e da súa tradición agraria como elemento de identidade da cultura do territorio.

A Deputación remarca o éxito do novo programa de xuventude 'Vive o rural'
Comentarios